Un xesto de afouteza: 44 anos do retorno da bandeira aos estadios

Da man dos xogadores do Celta, en decembro do 77
A bandeira galega entrou en Balaídos pola porta grande. (Foto: Celta Historia)
photo_camera A bandeira galega entrou en Balaídos pola porta grande. (Foto: Celta Historia)

O 4 de decembro fanse 44 anos da entrada, pola porta grande, da bandeira galega nos estadios de fútbol da Galiza. Foi un acto, como non, planificado e estudado, mais que para o público asistente resultou toda unha sorpresa.

O 4 de decembro de 1977, aínda frescas as catro décadas de ditadura, os xogadores do Celta saltaban ao campo de Balaídos portando unha gran bandeira galega confeccionada para a ocasión nunha factoría de pantalóns de Redondela. Ao tempo, soaba por megafonía Os Pinos. A primeira vez desde a II República que a simboloxía nacional regresaba a un estadio de fútbol. 

Aquela tarde o Celta recibía o Granada en Balaídos. Os celestes batallaban polo ascenso a Primeira división e o partido contra os granadinos presentábase como un partido clave. Pola mañá, ducias de miles de persoas manifestáranse en Vigo na defensa do autogoberno e da autonomía para Galiza. Por volta de 300.000 manifestantes, segundo calculaba a prensa da época. Horas despois da marcha e a reivindicación política na rúa a cita do día na cidade era co fútbol, deporte construído na ditadura como espazo refractario a todo o que fose reivindicación. 

Mais aquela non foi unha tarde de fútbol normal, para sorpresa de moitos.

Xornada emotiva

"Queriamos que ese 4 de decembro a reivindicación do autogoberno de Galiza non se limitase a unha manifestación, senón que se sentise durante toda a xornada". María Luz García Docampo era unha das integrantes da plataforma organizadora da xigantesca mobilización que tivo lugar en Vigo e, canda o xornalista Suso Cano, a encargada de falar co Celta para que en Balaídos se plasmasen as reivindicacións tamén as demanads de autogoberno.

Minutos antes de comezar o encontro, os xogadores do Celta saltan ao campo portando unha gran bandeira galega. A primeira vez, após o golpe de 1936, que a bandeira nacional centraba o protagonismo nun grande recinto deportivo. "A bandeira fíxose nunha factoría do Porriño grazas a Manolo Soto [futuro alcalde de Vigo], que tiña contactos alí. Pagouna o Celta porque foi moi cara, nós non podiamos asumir o custo", lembra Docampo. Houbo pois complicidade do club coa proposta feita desde a plataforma? "Na xuntanza que tivemos con eles nun principio mostráronse sorprendidos. Nunca tal se fixera. Mais axiña se involucraron. De feito, insistiron en que a bandeira galega tiña que ser ben grande,  para que se vise claramente desde calquera lugar do estadio".

Os xogadores avanzaron até o centro do campo portando a bandeira branquiazul, momento no que por megafonía se anunciou que se ía interpretar o Himno Galego. "A reacción da xente foi espectacular, aplaudindo, os xogadores  tamén, foi algo moi emocionante. O Himno Galego! Que soase así, nun estadio cheo de xente… foi algo incríbel".

Repercusión

O impacto non se limitou ao propio Balaídos, tamén nos barrios da contorna aos que polo ar chegaban os sons de Os Pinos.

"Foi algo que sorprendeu a todo o mundo. Unha cousa son as manifestacións e outra o que pasou no estadio de fútbol, foi un fito", afirmaba García, consciente do impacto do factor sorpresa.

Comentarios