O BNG quer "gobernos feministas", comprometidos coa igualdade e que destinen máis recursos para acabar coa violencia machista. De feito, a formación nacionalista demandou, durante a tramitación dos orzamentos da Xunta, que se destinase no mínimo o 1 por cento das contas da administración galega a combater a barbarie patriarcal.
66 por cento do grupo parlamentar do BNG son mulleres, destacou na súa conta twitter Olalla Rodil, a parlamentar que canda Ana Pontón, Montse Prado e Noa Presas posou diante do Parlamento nunha acción que se enmarca na campaña da formación nacionalista para o 8M. Chamaron a participar masivamente na greve de 24 horas convocada para ese día pola CIG, a CUT e a CNT [UGT e CC OO promoven en Galiza dúas horas de paro por quenda]. "Ningún home ten que explicarnos que significa abortar, non necesitamos paternalismos ni tutelas", dixo Pontón.
A líder do BNG denuncia que o Goberno Feixoo non tomou boa nota das reivindicacións expresadas polo feminismo en mobilizacións de enorme envergadura o 8 de marzo de 2018, todo un fito do movimento a prol dos dereitos das mulleres. A actual Xunta de Galiza non só non recolleu as demandas formuladas naquela greve xa histórica, senón que o partido que a sustenta tense aliado "coa extrema dereita que busca o retroceso", denuncia a líder da formación nacionalista.
A campaña do 8M ten un limiar para o BNG imprescindíbel, a manifestación nacional convocada polo feminismo galego o próximo domingo 3 de marzo en Lugo. A líder do BNG fixo un chamamento explícito a tomar parte nesa marcha. "Este é o tempo do feminismo", dixo.
Un tempo, o do feminismo, que non se pode expresar só de forma puntual o 8M, senón que se ten que traducir "nunha igualdade real os 365 días do ano", alega Pontón, que nese sentido non dubida en criticar a "hipocresía" de quen loce o lazo lila un día e o resto do ano pacta coa extrema dereita.