O Goberno español defende atrasar a idade de xubilación como "medida máis eficaz" para garantir as pensións

Tres de cada catro persoas desempregadas maiores de 55 anos non conta con atopar traballo antes da súa xubilación. (Foto: Óscar Cañas / Europa Press)
O ministro de José Luis Escrivá afirmou que o Executivo está a traballar en achegar a idade efectiva de xubilación á idade real e defendeu a necesidade de incentivar a xubilación demorada.

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, defendeu esta cuarta feira que a "medida máis eficaz" para garantir a sustentabilidade do sistema de pensións é "a prolongación da vida laboral", retrasando a idade de xubilación.

Escrivá lembrou que a reforma das pensións aprobada polo Partido Socialista (PSOE) en 2011 xa elevou a idade de xubilación de forma progresiva até 2027, cando se estabelecerá nos 67 anos.

Neste sentido, afirmou que o Executivo está a traballar en achegar a idade efectiva de xubilación á idade real e defendeu a necesidade de incentivar a xubilación demorada.

O ministro criticou a "cultura da xubilación anticipada" adoptada nas empresas, xa que se trata de "unha forma de pasar os custos á Seguridade Social" e estabelece "esquemas moi agresivos".

"Cambios internos" nas empresas

Escrivá pediu "cambios internos" para cambiar esa tendencia e fomentar "fórmulas de prolongación" da vida laboral. Sinalou que o Estado español é un dos países de Europa cunha taxa de actividade máis baixa a partir dos 55 anos.

O titular da Seguridade Social tamén criticou a reforma das pensións do 2013, acometida polo Partido Popular, por carecer de acordo cos axentes sociais e non pasar tampouco polo Pacto de Toledo.

"Non tivo practicamente percorrido e xerounos un problema. Houbo que acudir á Unión Europea e dicirlles que había que aplicar un novo marco", subliñou.