Acordo entre Goberno estatal e sindicatos para as pensións á marxe da patronal

A suba das cotizacións para manter as pensións públicas queda finalmente no 0,6% durante os próximos dez anos
O sistema público de pensións leva moitos anos á espera dunha reforma que garanta a súa sostibilidade económica (Foto: Arxina)
photo_camera O sistema público de pensións leva moitos anos á espera dunha reforma que garanta a súa sostibilidade económica (Foto: Arxina)

Onte era a data límite para que Goberno español e axentes sociais definiran o novo mecanismo de equidade interxeracional (MEI) que substituirá o factor de sostibilidade das pensións. Finalmente haberá acordo, mais, ao igual que acontecera coa suba do salario mínimo interprofesional, a patronal desmárcase do mesmo.  

"O Comité Executivo da CEOE rexeitou hoxe ─por onte─ a proposta do Goberno en relación co Mecanismo de Equidade Interxeracional das pensións, que debe substituír o factor de sustentabilidade, ao considerar que é insuficiente, que non garante o equilibrio do sistema e que necesitará medidas adicionais no futuro para asegurar a súa sustentabilidade", defendeu a patronal nun comunicado.

A negativa da patronal despexou o camiño para un acordo entre o Executivo estatal e os sindicatos para incrementar as cotizacións e afrontar así o esforzo que suporá o pago de pensións aos 'baby boomers'.

Sindicatos e Goberno estatal volvéronse xuntar na tarde desta segunda feira, após a negativa da representación empresarial, para ultimar os detalles do acordo. A proposta aprobada na mesa de negociación pasa por subir as cotizacións de todos os traballadores e traballadoras 0,6 puntos porcentuais durante 10 anos. 

Desa contía, as empresas aumentarán as achegas en 0,5 puntos porcentuais e as traballadoras e traballadores contribuirán con 0,1 puntos máis. A suba non se faría efectiva até 2023.

Para a patronal, aumentar a carga ás empresas terá efectos negativos sobre o emprego e "vai en dirección contraria ao que necesita o sistema público de pensións". "O crecemento do emprego é a principal garantía de sostemento do sistema de pensións", apuntan.

Resposta sindical

Desde UXT, o seu secretario xeral, Pepe Álvarez, lembrou á patronal que desde 1982 os empresarios viron rebaixadas as cotizacións sociais catro puntos "pola cara, e ninguén protestou", polo que subir agora un 0,6% "non debe ser ningún escándalo e debe ser asumido".

"En ningún caso está nin vai estar na axenda ampliar os anos de cotización para o cálculo da pensión". Nesta liña, indicou que os 25 anos actuais son "demasiados para facer o cálculo da pensión" porque agora hai un colectivo "importante" de persoas que non teñen as mellores cotizacións nos seus últimos anos. 

Comentarios