Escrivá eleva a súa proposta de aumento das cotizacións

O Goberno español propón subir as cotizacións 0,6%, unha décima máis do que suxería a semana pasada.
O ministro Escrivá a pasada semana no Congreso das Deputadas (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera O ministro Escrivá a pasada semana no Congreso das Deputadas (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).

O aumento da cotización social dos traballadores e traballadoras será maior da inicialmente prevista polo Goberno español. A medida, que tanto debate suscitou nas últimas datas, persegue aumentar a recadación durante dez anos para facer fronte ao aumento do gasto en pensións previsto pola xubilación da coñecida como xeración do 'baby boom'. 

Onte, nunha nova mesa de diálogo sobre a reforma das pensións, o Goberno español presentou un novo texto no que eleva a súa proposta de subir as cotizacións sociais de 0,5% a 0,6%, informaron fontes sindicais tras o encontro. Desa alza, a maior parte (0,4%) será asumida pola empresa, mentres que o 0,2% restante correrá a cargo da persoa traballadora, segundo trasladaron desde a Unión Xeral de Traballadores (UXT).

Tanto UXT como Comisións Obreiras (CCOO) valoran de forma "positiva" os cambios de posición do Goberno español respecto da definición do Mecanismo de Equidade Interxeracional pola vía dunha mellora dos ingresos para substituír ao coñecido como Factor de Sustentabilidade do sistema de pensións actual.

O novo mecanismo forma parte da primeira pata da reforma de pensións que se está a tramitar no Congreso, aínda que a súa concreción non se incluíu no proxecto de lei, precisamente á espera de acordala cos axentes sociais antes do 15 de novembro, para o que apenas queda unha semana. A idea é introducir o que se pacte vía emenda.

Ambos os sindicatos esperan que o Executivo mellore a súa proposta "en termos de suficiencia", sen que iso  predetermine as negociacións futuras no seo do diálogo social, no caso de que fosen necesarias. UXT e CCOO anunciaron que se seguirá traballando sobre esta materia nos próximos días.

A semana pasada, a proposta de elevar as cotizacións provocou malestar dentro da patronal CEOE, xa que supón incrementar aínda máis os custos das empresas, tras a anunciada suba do Imposto sobre Sociedades para 2022 e a alza do salario mínimo interprofesional (SMI), entre outras medidas.

Con todo, a suba das cotizacións para engordar o fondo de reserva das pensións, que conta na actualidade con pouco máis de 2.100 millóns de euros, non se recollería no novo mecanismo até 2023 e tería unha vixencia temporal de dez anos.

Comentarios