Escrivá desata as críticas co seu "cambio cultural" para a xubilación aos 75 anos

O ministro Escrivá abre a porta a prolongar a xubilación até os 75 pero despois matiza que se sacaron de contexto as súas palabras.
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, matizou esta segunda feira as súas declaracións nunha entrevista ao diario Ara, nas que falaba da necesidade dun "cambio cultural" para traballar máis entre os 55 e os 75 anos. 

A través das súas redes sociais, Escrivá indicou que as súas verbas "sacáronse de contexto" e que o Estado español "ten unha idade de xubilación adecuada, que non é necesario modificar".

O ministro explicou que as súas declaracións ían na liña de "fomentar medidas que contribúan a cambiar a mentalidade das empresas" para que conten nos seus cadros con persoas de máis de 55 anos. 

Con todo, insistiu en que se deben mellorar "os incentivos á xubilación demorada" para as persoas que queiran seguir traballando pasada a idade ordinaria de xubilación, xa que a sostibilidade do sistema de pensións pasa en gran medida por achegar a idade efectiva de xubilación á legal, mellorar a empregabilidade das persoas maiores de 55 anos e por incentivar a xubilación demorada, apuntou José Luis Escrivá.  

Reaccións políticas

As palabras do ministro tiveron resposta inmediata desde as filas socialistas. Esta segunda feira, o portavoz do PSOE no Congreso, Héctor Gómez, aseguraba que o Goberno español "non vai avanzar" en atrasar a idade de xubilación até os 75 anos e limitou o dito por  Escrivá a "declaracións orientadas á voluntariedade".

Tamén a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, pediu "cautela" ao falar das pensións públicas e insistiu en que a ampliación da idade de xubilación aos 75 anos non está dentro do acordo de Goberno. "Sexamos cautos, prudentes e non xeremos máis tensións", dixo a compañeira de Gabinete de Escrivá. 

Na Galiza, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou o Goberno español a poñerse "ao lado da maioría social" e suxeriu ao ministro, e tamén ao conxunto do Executivo estatal, que "antes de pór sobre a mesa medidas máis propias do Banco de España que dun Goberno progresista", dean "un paseo pola Galiza". "O sistema de pensións necesita menos neoliberalismo e máis medidas para reforzar un sistema público, crear emprego para a mocidade" e crear unha economía que "xere" traballo, afirmou Pontón.

Consolidar as conquistas 

Nesta liña, o economista e sindicalista Xabier Pérez Davila, explicou a Nós Diario que as pensións de xubilación son un sistema de protección social para que as persoas traballadoras poidan ter unha vida digna unha vez conclúan a súa vida laboral, "e iso parece que el [por Escrivá] non o considera". 

Na súa opinión, a estratexia do ministro pasa por reducir o número de anos de cobranza de pensión, fixar unha pensión mínima de subsistencia e quen queira outra cousa, que subscriba un plan de pensións privado.

"Parece que o que quere é que desapareza esa conquista da clase traballadora e que volvamos a imaxe decimonónica do traballador que deixa o emprego xa para morrer. É unha posición inconscientemente moi clasista que identifica todas as condicións de traballo coas que ten os sectores privilexiados", conclúe.

Comentarios