A presión hospitalaria mantense estábel este sábado, con 167 pacientes ingresados cunha PCR positiva por coronavirus. Destes, 142 recupéranse en planta, un máis que o día anterior, e 25 en unidades de coidados intensivos, un menos.
Carga asistencial estábel
Por áreas sanitarias, as únicas que rexistraron repuntas na presión asistencial son as de Santiago e O Barbanza e Ourense, Verín e O Barco. Na primeira, subiron en cinco os pacientes en planta até os 19, sen cambios na UCI, con catro doentes. Na área de Ourense hai 15 persoas ingresados en planta, unha máis, e manteñen as áreas de críticos con dous pacientes Covid.
A área de Pontevedra e O Salnés continúa con 22 hospitalizados, 20 en planta e dúas en UCI. No resto, aliviaron a ocupación. Na Coruña e Cee diminuíron os enfermos en planta até os 50 e manteñen nove en UCI. En Vigo hai 28 persoas en áreas de hospitalización convencional e baixaron a cinco os doentes críticos.
Na área de Lugo, A Mariña e Monforte reduciu teñen caro pacientes en planta, un menos, e tres en UCI, sen cambios. Por último, en Ferrol, seguen sen enfermos críticos e baixaron de oito a seis os pacientes Covid convencionais.
Novos contaxios
A estabilidade dos hospitais galegos contrasta coa variación, máis acusada, dos casos positivos de Covid-19 detectados nas últimas 24 horas. Neste tempo o Sergas realizou 7.098 probas diagnósticas, das cales 3,1% ofreceu un resultado positivo, que malia a repunta anotada segue por debaixo de 5% que a Organización Mundial da Saúde fixa para dar por controlada a pandemia.
Segundo o último balance da Consellaría de Sanidade, con datos até as 18:00 da pasada sexta feira, o Sergas confirmou 206 novos contaxios, dos cales 190 foron diagnosticados mediante PCR. Trátase da cifra máis alta rexistrada no último mes, no que Galiza mantivo tamén unha tendencia á baixa dos casos activos que agora volve amosar cambios.
Por segundo día consecutivo, as infeccións activas por coronavirus subiron até as 2.286, 93 máis que 24 horas antes. O incremento afectou a todas as áreas sanitarias salvo á de Ferrol, onde os enfermos baixaron en catro até os 71.
A área de Vigo é a que máis casos activos ten 625 (+22); seguida da Coruña, con 606 (+8); Ourense, con 173 (+24); Santiago, con 349 (+18); Pontevedra, con 302 (+13), e Lugo, con 160 (+12).
Residencias e centros escolares
Nas residencias da terceira idade, Sanidade e Política Social informan de dous casos activos entre o persoal traballador, un da residencia de Oleiros e outro da de Santa Teresa, da Cañiza.
Polo que respecta ás escolas infantís e centros educativos, remata a semana con 384 casos activos e catro aulas fechadas, 22 casos e dúas aulas máis que o día anterior.
No que vai de pandemia na Galiza faleceron 2.368 persoas diagnosticadas de Covid-19, despois de notificar a Consellería de Sanidade unha morte máis na noite da pasada sexta feira.