Folga na sanidade do Baixo Miño: "Impuxeron máis persoal de servizos mínimos do que dispoñen os centros"

Un intre da manifestación que percorreu nesta terza feira as rúas da Guarda (Foto: Infomiño).
A Consellaría de Sanidade impuxo para a folga de sanitarios na Guarda, Oia e O Rosal uns servizos mínimos "imposíbeis de cumprir", xa que, ironiza o persoal, obrigaba os centros de saúde a disporen dun número de profesionais "superior" ao que teñen a diario. Precisamente a falta de persoal foi o eixo da manifestación que partiu nesta terza feira da Alameda guardesa, convocada polas plataformas cidadás en defensa da sanidade e apoiada polas alcaldesas destes concellos.

Máis persoal, máis calidade. Esa foi a principal premisa que defenderon os centos de persoas que se manifestaron nesta terza feira na Guarda en sinal de protesta polos "recortes" da Xunta na Atención Primariadous millóns de euros menos nas contas de 2022 en comparanza co exercicio anterior—, a contratación de persoal "en precario" e a "negativa continuada" do Goberno galego a incorporar novas e novos profesionais.

A mobilización, convocada polas plataformas en defensa da sanidade pública dos concellos do Baixo Miño, recibiu o apoio público das e dos rexedores destes municipios: o alcalde da Guarda, Antonio Lomba (PSOE); a de Oia, Cristina Correa (PP); a do Rosal, Ánxela Fernández (BNG), e a de Tomiño, Sandra González (BNG).

Denuncian que a Xunta "recorta" dous millóns para a Primaria nos orzamentos de 2022

"Dada a situación de precariedade e a falta de resposta por parte da Xunta, que non nos dá solucións nin a curto nin a medio prazo, as rexedoras e rexedores do Baixo Miño decidimos dar un paso adiante e denunciar de forma clara unha situación transversal que afecta toda a veciñanza e que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e a futura", salientaron, a través dun comunicado conxunto.

Nos meses de xaneiro e febreiro decorrerán novas mobilizacións na Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, concello que tamén pertence a esta comarca e que se sumou ás protestas.

Folga de tres días

Alén da concentración cidadá que partiu ás 19.30 horas da Alameda guardesa —e rematou na praza do Reloxo coa lectura dun manifesto—, o persoal sanitario dos centros afectados polos "recortes" principiou na terza feira unha folga que se prolongará durante a cuarta e a quinta feira. Na porta dunha das consultas podía lerse a primeira hora desta terza feira: "Son o único médico, xunto á pediatra, que está de servizos mínimos para cubrir a asistencia sanitaria de dous concellos —A Guarda e O Rosal—, polo que me vexo obrigado a atender unicamente as urxencias. Loitamos por unha mellora na calidade asistencial, mellora de recursos sanitarios e condicións de traballo dignas. Desculpen as molestias, agardo que comprendan a situación".

O propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñecía a pasada semana que catro de cada dez —38%— profesionais formados na Primaria rexeitan, após remataren o período de Médico Interino Residente (MIR), seguir traballando nesta especialidade. Deles, 48% optou polo servizo de Urxencias.

"Levo desde outubro de 2020 traballando no centro de saúde da Guarda, polo que só coñezo o seu funcionamento durante a pandemia, mais nunca vin máis de 60% do persoal médico traballando. Estes problemas non xurdiron nos últimos meses, senón que xa viñan de antes e cada vez estanse a agravar máis", sinala a Nós Diario o doutor Álvaro Lamas.

O seguimento da folga na primeira xornada foi de "practicamente 100%"

As e os seus pacientes habituais atoparon nesta terza feira na súa consulta outro cartaz no que xustificaba a convocatoria de folga: "Por vós, porque vos quero atender ben e antes, porque non quero que vos abandonen. Porque fan falta máis persoal e recursos".

A falta de profesionais, tanto médicos como non facultativos, sumada á elevada presión asistencial das últimas datas por mor do aumento da incidencia da Covid-19, repercute de forma negativa no persoal sanitario e, en consecuencia, na cidadanía: "A denegación de permisos, sobre todo no Punto de Atención Continuada (PAC) e en enfermaría, é un problema moi grande. E, cando se conceden, non se cobren os postos con substitucións, senón que as demais compañeiras e compañeiros temos que asumir eses pacientes a maiores, e iso implica a sobrecarga da axenda e a demora na petición de citas, mais tamén supón un atraso na detección de doenzas graves e a desatención da cronicidade. Sofre o paciente, mais tamén o profesional", lamenta Lamas.

O seguimento da folga, segundo anunciou o sindicato CIG-Saúde, foi de "practicamente 100%" do persoal.

Servizos mínimos imposíbeis de cumprir

A Consellaría de Sanidade, a través da xerencia da área sanitaria de Vigo, estabeleceu uns servizos mínimos durante a folga que a CIG-Saúde, o persoal e mesmo os colectivos cidadáns ven desproporcionados. "Son abusivos, basicamente, porque nalgúns casos son máis que os médicos dos que dispón o centro. Poñen servizos mínimos como se estivese completo o cadro de persoal, malia que no Rosal hai cero médicos —Sanidade ordenou derivar as urxencias á Guarda—", apunta, en declaracións a este xornal, Xosé Manuel Méndez, portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda.

Así mesmo, Lamas engade: "Son abusivos na medida en que superan a dotación diaria que temos nalgúns centros en determinadas categorías profesionais". Para que A Guarda estea en condicións de ofrecer un servizo axeitado, sostén, sería preciso cubrir as oito prazas de medicina de familia: "Temos dúas vacantes sen médico asignado, e unha baixa de longa duración que tampouco se cubriu. O resto de prazas, ou non se cobren, ou se cobren mal, con prolongacións de xornada de médicos doutros centros de saúde".

No caso do Rosal, destaca que hai tres prazas sen ocupar: "Unha está vacante e as outras dúas son baixas sen cubrir. Algúns días acode un médico con prolongación de xornada, mais non chega a cubrir nin o mínimo do que precisa a poboación local, polo que temos que facelo nós. Son eles mesmos [por Sanidade] quen non cumpren cos seus servizos mínimos". Aliás, indica que en Oia "debería haber dúas médicas", malia que unha está de baixa e, polo tanto, hoxe só traballa unha.

"Tiven que marchar por unha urxencia e quedaron dez pacientes sen atender na consulta", di o doutor Álvaro Lamas

O doutor Álvaro Lamas explica que na segunda feira tivo que abandonar durante máis dunha hora a súa consulta no centro de saúde guardés para atender unha persoa doente do Rosal: "En consecuencia, máis dunha decena de pacientes que estaban citadas comigo non puideron ser atendidas. Estas situacións seguirán indo a máis mentres non se poña un remedio", di.

E no PAC da Guarda, así mesmo, hai un equipo médico-enfermeiro de garda, malia que as e os profesionais reclaman con insistencia un reforzo: "Sempre nos din que para dotarnos dun segundo equipo teriamos que atender 25.000 persoas, e nestes tres concellos andamos arredor das 22.000, mais entendemos que precisamos un reforzo. Cando o equipo de garda traslada unha urxencia a Vigo, ou cando acode a un domicilio a unha hora de distancia do PAC, queda o centro baleiro. Pasamos moitas horas cada día co servizo descuberto", censura Lamas.

Pola súa banda, o secretario da CIG-Saúde en Vigo, Manuel Moreira, defende que o obxectivo da folga é "abrir un marco de negociación coa Xunta para conseguir unha Atención Primaria digna". Para iso, asegura, "o primeiro que ten que facer a Administración é incentivar os postos nas zonas rurais para tratar de estabilizar as e os profesionais".

Máis unha vez, a sociedade responde

Non é a primeira vez —nin será a última, advirten os axentes sociais implicados— que a veciñanza do Baixo Miño toma as rúas na procura dun sistema sanitario público e de calidade. Alén das manifestacións nacionais celebradas en setembro en Vigo e en novembro en Compostela, as plataformas en defensa da sanidade realizaron múltiples concentracións nos centros de saúde da Guarda, Oia e O Rosal desde comezos de ano.

"Padecemos un deterioro da sanidade pública que non é algo novo; de feito, vímonos mobilizando pola falta de persoal desde antes da pandemia, malia que agora a situación agravouse. Cando o equipo de urxencias marcha a un domicilio e o PAC fica baleiro pode correr perigo a vida das persoas", afirma Xosé Manuel Méndez.

Mobilización en Lalín

Noutra orde de asuntos, a CIG-Saúde convoca para esta cuarta feira, ás 17 horas, unha nova concentración fronte ao PAC de Lalín, "por mor do incumprimento do punto 5 de desconvocatoria de folga dos PAC", asinado en 2019. A citada disposición recolle que nos PAC con dous ou máis médicos "analizaranse as ratios a fin de que haxa un profesional de enfermaría por cada médico", algo que neste centro non está a acontecer.

"De noite queda un efectivo de enfermaría con dous médicos, o que ocasiona que, ante o desprazamento a unha urxencia, quede só un médico no centro para atender as urxencias tanto no propio PAC como nos domicilios", critica o sindicato.