Nove persoas, entre elas dúas menores de idade, resultaron feridas nun accidente múltiple de circulación no que se viron implicados até catro vehículos durante a noite desta pasada cuarta feira en Vigo. A colisión en cadea produciuse ao fío das 22.30 horas na rúa do Miradoiro, en Castrelos, segundo informa hoxe a central de emerxencias do 112-Galiza.
Tras recibir o aviso por parte dunha das persoas implicadas, a central de emerxencias alertou a Urxencias Sanitarias-061, que mobilizou tres ambulancias até o lugar do incidente. Os nove implicados sufriron feridas de carácter leve. Dous deles, unha muller de 45 anos e un menor, recibiron a alta no punto e non foi necesario o seu traslado.
Os sete restantes, entre os que había un menor, ademais de cinco mulleres e un home con idades comprendidas entre os 25 e os 52 anos, foron evacuados ao hospital privado Povisa e ao centro médico de Concheiro.