Entre as poñentes máis salientábeis atópase a teórica feminista italiana Silvia Federici (Parma, 1942). A autora do influente Caliban e a bruxa. Mulleres, corpo e acumulación orixinaria (2004) -en que propón unha orixinal e discutida tese sobre as orixes do modo de produción capitalista- abrirá o encontro coa conferencia Mulleres e reconstrución do común na mañá da segunda feira, 2 de abril.
“Decidimos crear unha semana en que faláramos desa idea de comunidade e como pensar, debater e reflexionar o común na sociedade actual”, engadiu Regueira, “que vive un proceso de degradación”. A activista lembrou que a Semana Galega de Filosofía cadra este ano co bicentenario do nacemento de Marx e o centenario do filósofo francés marxista Louis Althusser: “Para nós é importante”.
Ademais de Federici, o programa inclúe unha homenaxe ao Instituto de Estudos Miñoráns -o seu director, Xosé Lois Vilar, disertará sobre “amar o común”- ou a intervención do político e sindicalista agrario andaluz Juan Manuel Sánchez Gordillo -tamén alcalde de Marinaleda. O economista catalán Daniel Raventós, un dos principais expertos mundiais en renda básica, ou o sociólogo César Rendueles serán algunhas das voces que tratarán sobre “os retos da construción do común na época contemporánea”.
As sesións, de mañá e tarde ao longo de toda a semana, serán no Teatro Principal de Pontevedra.