Xuízo do Alvia

A fase penal do xuízo do Alvia conclúe esta semana

Andrés Cortabitarte, durante o xuízo polo accidente do Alvia. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Dilucidar se é puníbel a 'falta de previsión', esencia da causa.

Esta semana están previstas as dúas últimas sesións da fase de responsabilidade penal do xuízo polo accidente do tren Alvia rexistrado en xullo de 2013 en Angrois, á entrada de Santiago de Compostela.

Será a quenda doutros dous peritos que realizaron informes sobre o sinistro ferroviario por encargo do avogado que exerce a defensa do maquinista procesado na causa, Francisco Garzón. 

A xuíza Elena Fernández Currás trata de determinar, en concreto, se hai responsabilidade penal na imprudencia profesional grave que se atribúe tanto a Garzón (por tomar a curva da Grandeira cun exceso de velocidade) como ao ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte (pola obrigación de analizar os riscos e despois mitigalos). 

Ambos os dous están sentados no banco dos acusados polas 80 mortes e os 140 feridos que provocou o descarrilamento. Ao remate desta parte do xuízo, comezará a de responsabilidade civil, onde tomarán especial protagonismo as vítimas da traxedia, por un lado, e as aseguradoras de Adif (Allianz) e Renfe (QBE), do outro. 

Porén, polo momento, a "razón fundamental do enxuizamento", segundo recoñeceu a xuíza, é, "en esencia", dilucidar se é plenamente puníbel a "falta de previsión" que supuxera a adopción de "medidas de seguridade que protexeran esa curva" por parte do ex alto cargo de Adif, a empresa pública encargada de velar pola seguridade das vías. 

Cuestións que xa non se discuten

No que vai de xuízo, a Avogacía do Estado acabou recoñecendo que Adif incumpriu a normativa de seguridade ferroviaria derivada do regulamento para un método común de seguridade.

Recoñeceu, igualmente, que a curva de Angrois carecía de equipos de control da circulación avaliados por un técnico externo á compañía.