Esta semana están previstas as dúas últimas sesións da fase de responsabilidade penal do xuízo polo accidente do tren Alvia rexistrado en xullo de 2013 en Angrois, á entrada de Santiago de Compostela.
Será a quenda doutros dous peritos que realizaron informes sobre o sinistro ferroviario por encargo do avogado que exerce a defensa do maquinista procesado na causa, Francisco Garzón.
A xuíza Elena Fernández Currás trata de determinar, en concreto, se hai responsabilidade penal na imprudencia profesional grave que se atribúe tanto a Garzón (por tomar a curva da Grandeira cun exceso de velocidade) como ao ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte (pola obrigación de analizar os riscos e despois mitigalos).
Ambos os dous están sentados no banco dos acusados polas 80 mortes e os 140 feridos que provocou o descarrilamento. Ao remate desta parte do xuízo, comezará a de responsabilidade civil, onde tomarán especial protagonismo as vítimas da traxedia, por un lado, e as aseguradoras de Adif (Allianz) e Renfe (QBE), do outro.
Porén, polo momento, a "razón fundamental do enxuizamento", segundo recoñeceu a xuíza, é, "en esencia", dilucidar se é plenamente puníbel a "falta de previsión" que supuxera a adopción de "medidas de seguridade que protexeran esa curva" por parte do ex alto cargo de Adif, a empresa pública encargada de velar pola seguridade das vías.
Cuestións que xa non se discuten
No que vai de xuízo, a Avogacía do Estado acabou recoñecendo que Adif incumpriu a normativa de seguridade ferroviaria derivada do regulamento para un método común de seguridade.
Recoñeceu, igualmente, que a curva de Angrois carecía de equipos de control da circulación avaliados por un técnico externo á compañía.