'Sermos Galiza' aborda este sábado, desde todos os prismas, a figura de Del Riego

Francisco Fernández del Riego, na rúa do Príncipe, en Vigo (Imaxe: Paco Vila Barros)
Este sábado, 13 de maio, Nós Diario sae á venda acompañado do semanario Sermos Galiza, que nesta ocasión amplía as súas páxinas para abordar, desde todos os ángulos, incluso os menos coñecidos, a traxectoria cultural e política do homenaxeado polo Día das Letras Galegas: Francisco Fernández del Riego. Farao da man de grandes especialistas na súa figura: Ramón Nicolás, Antón Mascato, Malores Villanueva, Xoán Costa, Patricia Arias, Xoán Carlos Garrido, Perfecto Conde e Xosé Manuel Beiras. Recóllese, ademais, nunha única peza, extractos das entrevistas realizadas a Del Riego polos xornalistas Xan Carballa e Gustavo Luca. 

Nós Diario acompañarase o próximo sábado dun Sermos Galiza especial, con máis páxinas e ao mesmo prezo de sempre, con motivo do Día das Letras Galegas. Trátase dunha publicación monográfica sobre Francisco Fernández del Riego que deita luz sobre a traxectoria cultural e política do homenaxeado deste ano, quen fora impulsor, precisamente, da creación do Día das Letras Galegas.

Neste sentido, a directora de Nós Diario, María Obelleiro, explica na presentación do especial que a dedicatoria deste día a Del Riego non precisa de xustificación. "Se noutras ocasións a decisión da Real Academia Galega foi obxecto de discusión, debate e, mesmo, impugnación social, neste caso o compromiso do homenaxeado coa lingua e a cultura do país durante, practicamente, 80 anos e a súa ampla produción escrita avalan este acordo".

Capa do 'Sermos Galiza' especial.

"A figura, a xeración, o tempo e as circunstancias de Del Riego precisan aínda de aclaración", acrecenta Obelleiro no texto, pois "malia que o autor deixou varios traballos memorialísticos sobre el mesmo e a súa xeración, así como un libro de conversas no final da súa vida, fican moitos aspectos aínda por coñecer da súa traxectoria e, particularmente, do proxecto político e cultural do que fixo parte nos anos centrais da súa existencia".

Este Sermos Galiza especial pretende contribuír a ese labor. Nese sentido, Antón Mascato, Ramón Nicolás e Malores Villanueva fornecen tres trazos biográficos sobre outras tantas épocas vividas por Del Riego. "A esa vontade de achegarnos ao autor sen ningún tipo de venda responde, tamén, a incorporación, nunha mesma peza, de extractos de entrevistas concedidas no seu momento a Xan Carballa e a Gustavo Luca", afirma Obelleiro.

Ademais, o mundo persoal e político de Del Riego desfila polos traballos de Patricia Arias e Xoán Costa, que introducen o mundo de amizades do homenaxeado mediante figuras tan queridas para el como Ramón Otero Pedraio e Ricardo Carvalho Calero. "Unha relación, nun caso e noutro, que é unha auténtica declaración de intencións", engade a directora.

Os aspectos esquecidos volven á actualidade

Perfecto Conde e Xoán Carlos Garrido explican aspectos que están a ser esquecidos no medio das homenaxes. "O primeiro, autor do libro de conversas con Del Riego, aclara as diferenzas e contradicións con outros membros da súa xeración e, mesmo, coa oficialidade do sistema cultural galego. O segundo, reflexiona sobre o papel do homenaxeado dentro do proxecto político deseñado e liderado por Ramón Piñeiro", revela.

A publicación féchaa un traballo de Xosé Manuel Beiras, amigo e compañeiro de militancia política na clandestinidade de Del Riego, que fornece unha análise de primeira man do perfil ideolóxico do seu camarada e introduce novas chaves para interpretar o proxecto cultural e político da xeración do homenaxeado.

Este Sermos Galiza especial con motivo do Día das Letras Galegas verá a luz este sábado, 13 de maio, co Nós Diario por só 3,20 euros ambas as publicacións. Recomendamos que reserves o teu exemplar no quiosco se non queres ficar sen el.

Publicación das entrevistas de 'Galicia Emigrante'

Ademais de co Sermos Galiza monográfico sobre a figura de Del Riego que sae este sábado, Sermos Galiza S.A. conmemora o Día das Letras Galegas coa edición dunha outra publicación, que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, na que se recollen por vez primeira, de maneira conxunta, as entrevistas realizadas por Francisco Fernández del Riego a grandes vultos da sociedade e da cultura galega na revista Galicia Emigrante.

Celestino F. de la Vega, Plácido Castro, Franco Grande, Sebastián Martínez-Risco, Cesáreo Saco, Carvalho Calero, Ánxel Fole, Ramón Lugrís, Fernández Oxea, Isidro Parga Pondal ou Xohana Torres son algunhas das personalidades protagonistas deste conxunto de entrevistas, un corpus único e singular que, dalgunha maneira, reflicte tamén a personalidade do seu autor, virado para o compromiso coa cultura galega e a súa difusión.

Froito da colaboración co Concello de Pontevedra, a publicación, que recolle as entrevistas transcritas para facilitar a lectura e mais a reprodución das páxinas orixinais de Galicia Emigrante, entregarase a alumnado de 4º da ESO e 2º de Bacharelato dos centros de ensino públicos da cidade. 

Ademais, as persoas subscritoras ao diario en papel que estean interesadas na publicación, poderán solicitala enviando un correo ao enderezo subscricion@nosdiario.gal, cos seus datos. No caso da modalidade de subscrición dixital, a publicación xa está dispoñíbel para a lectura na nube.