A RAG editará as cartas entre Del Riego e Otero Pedraio

No ano 1963, Francisco Fernández del Riego lograba levar a cabo un dos seus proxectos máis ambiciosos: a celebración dun Día das Letras Galegas, dedicado, naquela primeira ocasión, a Rosalía de Castro. Exactamente 60 anos despois, Don Paco, como era coñecido entre todo o mundo da cultura, convértese no protagonista dun dos eventos máis respectados e de máis suceso no mundo da cultura galega. 
Víctor Freixanes, flanqueado por Fina Casalderrey e Henrique Monteagudo, no acto desta terza feira (Foto: RAG)
photo_camera Víctor Freixanes, flanqueado por Fina Casalderrey e Henrique Monteagudo, no acto desta terza feira (Foto: RAG)

A Real Academia Galega deu a coñecer esta terza feira a programación coa que celebrará o Día das Letras dedicado a Del Riego, que abranguerá desde as achegas máis académicas até unha serie documental web e unha biografía infantil teatralizada.

Durante o acto de presentación do programa, Víctor Freixanes, presidente da Academia, destacou que “Don Paco foi un intelectual prolífico. Editor, ensaísta, e crítico literario dalgunhas das primeiras obras de divulgación da literatura galega, foi un activista do galeguismo cultural incansábel.

Pero del Riego destacou ademais como home de concordia que exerceu, coma ninguén no seu tempo, de ponte entre a Xeración Nós e os galeguistas máis novos, e tamén entre a Galiza da diáspora e o exilio interior no que el mesmo permaneceu”.

As innumerábeis cartas que Don Paco intercambiou con practicamente todos os vultos da cultura galega dun lado e doutro do océano son testemuñas dese papel de elo imprescindíbel na cadea do galeguismo, de impulsor e dinamizador de todo tipo de actividades encamiñadas a estimular o espírito de resistencia e de manter vivo o facho do herdo do galeguismo das Irmandades da Fala e da Xeración Nós. "Son milleiros de follas de papel que constitúen unha crónica da resistencia galeguista da posguerra de valor incalculable", destacan desde a Academia. 

E malia que moitos deses epistolarios xa foron publicados -en parte ou na súa totalidade-, como os mantidos con Álvaro Cunqueiro, Carvalho Calero ou Neira Vilas, quedaba pendente un no que brilla especialmente ese papel de nexo entre varias xeracións de galeguistas e entre a Galiza da diáspora e a do "exilio interior": a RAG publicará durante este ano a correspondencia entre Ramón Otero Pedraio e Fernández del Riego -nunha edición ao coidado da investigadora Patricia Arias Chachero-, un epistolario composto por máis de 450 documentos, un centenar deles do homenaxeado nas Letras Galegas de 2023 e o resto de don Ramón a Del Riego. 

“A relación, íntima e amical, que se reflicte nel supón un percorrido pola reorganización do galeguismo de posguerra”, valora Patricia Arias Chachero.

Congreso académico e divulgación

Como xa é habitual, as investigacións académicas sobre a figura do homenaxeado serán dadas a coñecer no simposio que a Real Academia Galega organizará no outono. 
Mais o groso da actividade dedicada á divulgación desenvolverase no primeiro semestre do ano. O 6 de marzo a RAG presentará a nova edición do seu proxecto para o público infantil, que ofrecerá a través da web primaveradasletras.gal unha biografía teatralizada.

Eva Mejuto, gañadora do último Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, asina As cousas de don Paco, un percorrido pola vida de Fernández del Riego, a través do testemuño dos obxectos que sempre o acompañaron, que ilustra Lucía Cobo.

A presentación da Primavera das Letras 2023 terá lugar no CEIP Juan Rey de Lourenzá, a vila natal do homenaxeado, e concluirá coa proxección da curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa, a produción audiovisual baseada nunha idea orixinal de Fina Casalderrey coa que a RAG inaugura un novo espazo para a divulgación da lingua e da cultura galegas. 

A páxina web ofrecerá ademais actividades interactivas para conectar a cativada de forma lúdica co universo de del Riego e servirá de escaparate dos traballos escolares presentados ao concurso Contádenos o voso Día das Letras, explicou a académica, responsábel desta plataforma dirixida ás etapas de infantil e primaria. 

Entre Lourenzá e Vigo

Lourenzá será tamén o escenario do pleno extraordinario do Día das Letras Galegas mentres que Vigo, onde Francisco Fernández del Riego se refuxiou na posguerra e onde viviu até o seu pasamento, acollerá, entre outras iniciativas, un acto literario que a Real Academia Galega organizará da man do Concello de Vigo e da Fundación Penzol.

A institución que del Riego dirixiu desde a súa fundación, “o fogar de cultura” no que acubillou durante catro décadas, celebra tamén este ano o seu 60º aniversario, outra efeméride destacada para afondar no perfil polifacético de don Paco dende a cidade olívica.

Vigo e Lourenzá serán igualmente espazos centrais da serie web documental que a Real Academia Galega lle dedicará a Francisco Fernández del Riego. Seguindo o ronsel iniciado nas Letras Galegas de Xela Arias (2021), a institución narrará desde o audiovisual os principais fitos da traxectoria do autor nunha creación realizada pola produtora Miramemira.

A serie estrearase no mes de marzo na canle de Youtube da RAG e no espazo dedicado a del Riego de academia.gal, a páxina web institucional, onde pode lerse xa unha biografía do intelectual escrita polo académico correspondente Ramón Nicolás e a tribuna de apertura do ano do presidente da institución. 

Comentarios