A Academia decide hoxe a quen se lle dedica o Día das Letras 2023

O nome máis esperado da cultura

A Real Academia Galega escolle hoxe a persoa á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas 2023. Segundo puido saber Nós Diario, a elección estará entre Francisco Fernández del Riego e Luísa Villalta.
web
photo_camera web

O pleno da Real Academia Galega (RAG) reúnese este sábado, a partir das once, en sesión ordinaria para elixir o homenaxeado do próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas. Sobre as 13 horas o presidente da entidade, Víctor F. Freixanes, comparecerá ante os medios para facer público o resultado da reunión na que se determinará a personalidade á que se lle dedicará a homenaxe literaria. 

Segundo puido saber Nós Diario, aínda que até o comezo da reunión non se sabe exactamente cantas candidaturas concorren ao nomeamento, todo parece indicar que os académicos este ano escollerán, fundamentalmente, entre dúas candidaturas. 
Por unha parte, a de Francisco Fernández del Riego (1913-2010), un dos máis destacados intelectuais e activistas da cultura galega xurdidos arredor da revista Nós e das Irmandades da Fala. 

Del Riego desenvolveu durante toda a súa vida un traballo tenaz e ininterrompido a prol da cultura galega que o converteu nunha das personalidades máis destacadas da Galiza. Represaliado pola ditadura, seguiu traballando en favor da lingua e da cultura galega na medida das posibilidades da altura, e foi o principal elo que mantivo a comunicación entre o galeguismo interior e o do exilio. 

Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e da revista Grial -xunto con Ramón Piñeiro- nos seus primeiros cen números. Don Paco, como era coñecido, foi autor dunha extensísima obra ensaística, narrativa e xornalística.

 

Por outra parte, tamén se presentou a candidatura de Luísa Villalta (1957-2004), escritora que desenvolveu unha intensa actividade cultural e política.

Villalta, que tamén era titulada superior en violín, formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela desde 1985 e, máis tarde, da Xove Orquestra de Galiza, así como de diversos grupos de cámara.

Luísa Villalta é autora dunha extensa obra poética, narrativa, dramatúrxica e ensaística, e desenvolveu unha intensa actividade cultural, intervindo en seminarios, recitais e palestras e participando activamente en entidades como a AELG, o Foro da Cultura Galega ou A Mesa pola Normalización Lingüística.

A súa participación activa no Foro Negro da cultura, nacido despois do vertido do Prestige, foi un dos últimos exemplos da súa maneira comprometida de entender a cultura.

A candidatura de Villalta foi apoiada nas últimas semanas por varios concellos e tamén polas asinantes do Manifesto de Soutomaior, impulsado pola Deputación de Pontevedra e cuxo obxectivo é avanzar no recoñecemento das mulleres na escrita literaria. 

Malia que outras entidades e institución fixeron outras propostas (Antón Tovar, Pura e Dora Vázquez, Prado Lameiro...) o sistema de elección da RAG só permite que se discutan as propostas oficiais.

 

O sistema de elección

Para que unha proposta se oficialice ten que ter un mínimo de tres membros numerarios da Academia que a avalen e que emiten un informe que lle pasan ao resto de membros. 

A partir de aí, ábrese un debate no pleno no que as persoas asinantes das propostas fan unha defensa oral dos seus candidatos. Chega entón unha votación por roldas na que se van eliminando propostas, un proceso que, desta volta, veríase simplificado polo feito de ser só dúas as candidaturas.

María López Sández ocupará a cadeira de Darío Xohán Cabana

A Real Academia Galega tamén someterá a votación no Pleno ordinario de hoxe a candidatura para cubrir a cadeira vacante polo pasamento de Darío Xohan Cabana. Segundo as fontes consultadas, será María López Sández quen ocupará o lugar vacante. López Sández é autora de obras de narrativa como O faro escuro (2015) e A noite da deusa (2020), e de ensaios como Paisaxe e nación (2008) e Movendo os marcos do patriarcado (2021) en colaboración con Marilar Aleixandre.  
 

Comentarios