Entidades en defensa do galego, do euskera e do catalán reafirman a súa vontade de seguir traballando xuntas

Paul Bilbao, Marcos Maceira e Francesc Marco, na ofrenda floral deste domingo, 22 de xaneiro. (Foto: A Mesa)
Entidades en defensa do galego, do euskera e do catalán realizaron este domingo unha ofrenda floral a Rosalía e Castelao no Panteón dos Galegos Ilustres, en véspera do centenario de Galeusca.

O Panteón dos Galegos Ilustres (Santiago de Compostela) acolleu na mañá deste domingo un acto de recoñecemento da importancia de Castelao e de Rosalía na loita pola pluralidade lingüística e na defensa das linguas minorizadas do Estado, por parte de representantes de entidades en defensa do galego, do euskera e do catalán, que reafirmaron a súa vontade de seguir traballando de xeito conxunto “pola pluralidade e pola liberdade”.

“Se temos historia tamén temos futuro”

Francesc Marco, secretario de Plataforma per la Llengua, recordou que este 2023 se conmemora o centenario do nacemento de Galeusca, salientando que "se temos historia, tamén temos futuro" e poñendo en valor o traballo desenvolvido ao longo dos últimos anos de xeito coordinado polas entidades do Estado, “especialmente no relativo á nova lei do audiovisual”.

"É importante que as organizacións das linguas sexamos plenamente conscientes da realidade de hoxe en día: dos novos cambios de hábitos de consumo, do papel do audiovisual e das pantallas, porque o catalán, o euskera e o galego son linguas que veñen de moi lonxe, que teñen moita historia e que han de ser tamén as linguas da modernidade, do presente e do futuro", apuntou Marco.

“Unimos forzas ante a visión monolingüe que existe no Estado”

Paul Bilbao Sarria, representante de Euskalgintzaren Kontseilua, recordou a historia das "relacións trinacionais galaico-vasco-catalanas". "Compartimos visións e proxectos", apuntou, "e unimos forzas ante a visión monolingüe que existe no Estado e os seus diferentes poderes". Neste sentido, Paul Bilbao salientou a unión das sociedades vasca, galega e catalá á hora de "reprobar as actuacións que está tendo o poder xudicial contra medidas favorábeis para a garantía dos nosos dereitos".

"Sen lugar a dúbidas", rematou, "asistimos a uns feitos inéditos, xa que o poder xudicial, a través da xurisprudencia, está a facer unha lectura restritiva das consecuencias xurídicas da oficialidade das linguas propias. O poder xudicial está a facer política lingüística. Por iso, ante ofensivas desa envergadura é unha máis importante esa relación trinacional", engadiu Bilbao.

“A lingua é conciencia e garantía da nosa capacidade colectiva”

Marcos Maceira Eiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüísitica, incidiu na celebración do centenario do primeiro Galeusca, o acordo tripartito entre entidades culturais e políticas de Galiza, Euskal Herria e os Països Cataláns, que terá lugar este ano 2023. "Hoxe, diante de Rosalía e de Castelao, exemplos e referencias de compromiso activo coa plena normalización da súa lingua nas circunstancias máis difíciles", afirmou Maceira, "renovamos a vontade de mantermos a colaboración recíproca entre as entidades de defensa das linguas dos 3 países".

Neste sentido, o presidente da Mesa recordou que "a lingua é conciencia e garantía da nosa capacidade colectiva e reflicte perfectamente a confianza en nós propios". "Por iso", rematou, "ningunha forza política ou social que queira representar calquera interese dos pobo galego, vasco ou catalán pode renunciar á defensa e normalización dos seus idiomas. Defendemos as nosas linguas e a súa oficialidade real porque tamén non renunciamos á liberdade".

Despois das intervencións musicais de Uxía e Os Trinquetes, Lucía Barreiro fechou o acto destacando a referencia na loita polas linguas de Rosalía e Castelao e a transcendencia até a actualidade da alianza entre os pobos galego, vasco e catalán para “conseguir mudanzas significativas no Estado que contribúan á normalización das linguas”.