A Mesa urxe á Xunta medidas que revertan a "emerxencia lingüística" que sofre o galego

"Estas son as consecuencias dun decreto contra o galego no ensino que só garante o aumento do descoñecemento da lingua do país", lamenta Marcos Maceira.
Crianzas do CEIP de Barouta, en Ames, no inicio do presente curso escolar. (Foto: Arxina)
photo_camera O uso do galego nas aulas caeu en picado por mor do 'decreto do plurilingüismo'. (Foto: Arxina)

A Mesa pola Normalización Lingüística instou esta cuarta feira a Xunta a impulsar unha política lingüística que "garanta a presenza e posibilidade" do uso do galego en todos os espazos, "garantindo" o coñecemento do galego a través do sistema educativo. "É especialmente preocupante", advertiu o presidente da entidade, Marcos Maceira, que case 30% da poboación menor de 20 anos declare "serias dificultades ou imposibilidade de expresarse" na lingua propia.

Neste senso, referiuse aos datos do INE publicados esta terza feira en relación co censo lingüístico. "Estas son as consecuencias dun decreto contra o galego no ensino que só garante o aumento do descoñecemento da lingua do país e dificulta tanto que se manteña no seu uso por parte da mocidade galego falante como as novas incorporacións", denunciou.

De feito, e tal e como informou o pasado mes Nós Diario, un estudo da Real Academia Galega constata que o uso da lingua galega caeu en picado nas aulas por mor da entrada en vigor do chamado 'decreto do plurilingüismo', unha das medidas estrela coas que Alberto Núñez Feixoo desembarcou en San Caetano en 2009. Así, entre outras cuestións, con esta norma pasouse de 72% a 52,6% do alumnado que recibiu a maior parte da docencia no idioma do país.

A Mesa insiste en que a situación de emerxencia lingüística que vive o galego é aínda "reversíbel", malia todos os impedimentos para "empregalo con normalidade" e "a pesar da súa exclusión da maior parte dos espazos da vida social como a educación, lecer, xustiza, administración, actividades económicas, medios de comunicación ou audiovisual", en que a porcentaxe do uso é "ridícula" e nin sequera se corresponde coas estatísticas de uso social.

Maceira advirte de que nesta exclusión, "contra a que non actúa a Xunta", non só "non actúa senón que en ocasións parece que a promove", e nela "están as causas da baixada de falantes, especialmente na poboación máis nova".

"A pesar disto, aínda existe unha parte considerábel de galegos que fan uso da súa lingua de forma habitual e isto proba a fortaleza do galego", salientou Maceira, quen sinalou que son as iniciativas cidadás ás que impulsan a presenza do galego, "incluso impóndolle ás propias administracións galega e estatal o cumprimento das súas obrigas respecto diso".

O presidente da Mesa concluíu que "a única política lingüística da Xunta é a agresividade e non realizar ningunha acción lexislativa ou política para achegarse ao cumprimento" da Carta Europea das Linguas.

Comentarios