(Des)información en tempos de guerra

Edificio en Kiev (Ucraína) bombardeado polas defensas antiaéreas ucraínas, revelou a verificadora 'Bellingcat', após repetirse en moitos medios durante días que fora un ataque ruso, o que segundo reiteraban, demostraría que están a atacar obxectivos non militares. (Foto: Diego Herrera / Europa Press)
Xornalistas salientan a importancia de informar desde o terreo, especialmente, no caso dos conflitos bélicos.

Os conflitos bélicos son unha das contornas informativas onde máis patente se fai a existencia e uso intencional da desinformación, en ocasións capaz de determinar o devir das batallas e guerras.

Para abordar como informar nunha situación como a que se está a vivir en Ucraína, desde Nós Diario falamos con diversos profesionais do xornalismo que nos ofrecen as guías principais para desenvolver este traballo.

“O primeiro é estar sobre o terreo”, ratifica Ibai Treviño, xornalista vasco que estivo informando in situ desde Donetsk no conflito aberto desde hai oito anos. “Os correspondentes están a traballar moitas veces desde hoteis” critica.

Amais, inciden en que “sempre houbo propaganda en todos os bandos, mais neste caso estanse a ver manipulacións masivas escandalosas”, como vídeos do conflito no Donbass de 2014 vendidos como actuais.

Ao tempo, cuestiona que “tirar de axencias é o problema que ten”, hai que “exixir aos correspondentes que estean na rúa e que contrasten, porque ao final só se da unha versión dun lado”.

Nese sentido, pon de manifesto que no Donbass só hai un xornalista occidental, Manel Alías, da catalá TV3, a pesar de que agora hai unha “ofensiva a grande escala do exercito ucraíno”. Tamén destaca a importancia de verificar, recomendando o portal descifrandolaguerra.es para seguir o conflito, e explica que neste momento a dificultade está nunha Administración rusa que case non ofrece información e nunha ucraína que brinda “datos terxiversados”.

Pola súa parte, a xornalista e catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Margarita Ledo, pon o foco en “contextualizar e ter acceso aos lugares onde os feitos acontecen”.

Asemade, “hai que eliminar toda a connotación do vocabulario bélico, non se pode usar o mesmo vocabulario que se foi impulsando a través da cultura da guerra”, polo que reclama “aos colexios profesionais e aos xornalistas traballar para contribuír á análise crítica”, incidindo na responsabilidade dos medios públicos.

Barreiras e censura

“Non é doado por mor das barreiras e a censura, mentres que a capacidade de contraste é limitada”, subliñou, poñendo en dúbida o abuso de recursos “como o sentimentalismo no que atinxe aos refuxiados, neste caso cun trato diferente aos sirios”, paralelamente á falta de contextualización das chaves da situación. Ledo salienta que está a seguir os acontecementos por medio de BBC, Le Monde, The Guardian e cabeceiras máis pequenas.

Xosé López, catedrático de Xornalismo da USC, defende que é preciso “aplicar todas as técnicas de verificación do discurso para rastrear de onde proceden as desinformacións”, identificando as fontes e quen hai detrás delas e a que intereses obedecen para ofrecer información verídica.

Incluso aplicando estas técnicas, non se pode impedir que algunha destas desinformacións pase a barreira e sexa publicada, “e iso debemos advertirllo aos usuarios”, sinala, recomendando que nos casos de conflito “as fontes sexan múltiples”, así como un esforzo por "contextualizar os aspectos que enmarcan esa complexidade”.