A guerra en Ucraína, en directo

Toda a información actualizada minuto a minuto sobre a guerra en Ucraína.
Situación actual do avance das tropas rusas cara a Kiev (Mapa: liveuamap.com).
photo_camera Situación actual do avance das tropas rusas cara a Kiev (Mapa: liveuamap.com).

🔴 [EN DIRECTO]

20.00 | O Goberno ucraíno afirma que as negociacións con Rusia están a ser "difíciles"

O asesor da oficina presidencial da Ucraína, Majaíl Podoliak, afirmou que as negociacións con Rusia están a ser "difíciles", após o remate da reunión entre delegacións dos dous países no territorio bielorruso de Gomel. Podoliak acusou Rusia de ter unha visión "moi sesgada" dos ataques militares que levou a cabo até o de agora en solo ucraíno. Ambas delegacións emprazáronse a manter outra reunión, para a que aínda non hai data.

19.25 | Zelenski solicita de xeito formal o ingreso da Ucraína na Unión Europea

O presidente da Ucraína, Volodimir Zelenski, asinou no día de hoxe unha petición formal para que o país pase a formar parte da Unión Europea, segundo trasladou a conta oficial do Parlamento ucraíno en Twitter. " Este é un histórico momento!", asegurou.

18.13 | A FIFA expulsa a selección masculina de fútbol rusa do Mundial

A FIFA, após anunciar que impedía a desputa de encontros internacionais de fútbol en territorio ruso, decidiu expulsar a selección masculina de fútbol de Rusia do Mundial, que nesta edición vaise ter lugar en Catar. Faino en consonanacia coa UEFA, que tomou a decisión de expulsar os clubes rusos das competicións europeas.

17.25 | Macron afirma que Putin comprometeuse a "non bombardear civís" durante as negociacións

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, afirmou que o presidente ruso, Vladimir Putin, comprometeuse a "no bombardear obxectivos civís" nin zonas residenciais., segundo comunicou o Elíseo. Os dous mandatarios mativeron unha conversa de hora e media, na que Macro lle trasladou a Putin a "demanda da comunidade internacional de parar a ofensiva rusa contra Ucraína e a necesidade de implementar un alto o fogo inmediato”.

15.55 | EUA suspende o traballo da súa embaixada en Bielorrusia

O secretario de Estado, Antony Blinken, anunciou que o persoal non esencial da embaixada poderá saír do pais, así como as súas familias, por motivos de "seguridade", derivados do ataque "non provocado e inxustificado" do exército ruso en solo ucraíno. Pola súa banda, a embaixadora dos Estados Unidos en Bielorrusia, Julie Fisher, informou nas súas redes sociais que todo o persoal diplomático xa saír do país. Fisher tamén acusou o presidente Alexander Lukashenko de "perder a soberanía á hora de tomar decisións", debido á "complicidade" do Goberno bielorruso "na guerra na Ucraína.

15.39 | Suiza súmase ás sancións a Rusia adoptadas pola UE

Nun comunicado, o Consello Federal de Suiza vén de informar da súa decisión de adoptar as mesmas sancións que os países membros da Unión Europea (UE) impuxeron a Rusia entre os días 23 e 25 de febreiro.

14.55 | Rusia fecha o seu espazo aéreo a 36 países

O Goberno ruso, segundo informa Russia Today, vén de ordenar o fechamento do seu espazo aéreo a aerolíneas de máis dunha trintena de países. Trátase dos 27 integrantes da UE —Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, República Checa, Romanía e Suecia— e máis Albania, Anguila, Canadá, Islandia, Noruega, Illas Virxes Británicas, Xersey e Xibraltar. Os voos procedentes destes países, informou o Kremlin, só se poderá efectuar cun "permiso especial" expedido polo Ministerio de Exteriores.

14.45 | Ucraína reporta decensas de mortos nun ataque a Kharkiv

As autoridades de Ucraína denuncian "decenas de mortos" nun ataque con proxectís por parte do Exército de Rusia contra a cidade de Kharkiv, a segunda máis poboada do país: "Vén de ser atacada con artillaría de forma masiva desde Gradov. Decenas de mortos e centos de feridos", dixo Anton Geraschenko, asesor do Ministerio do Interior, nunha mensaxe na súa conta na rede social Facebook.

14.10 | Ucraína confirma que os soldados da Illa das Serpes están vivos

As Forzas Armadas de Ucraína veñen de confirmar a través do seu perfil de Facebook que os soldados da Illa das Serpes que rexeitaron depor as armas ante os avisos dun buque de guerra ruso están vivos e "foron levados presos polos rusos", que "destruíron completamente a infraestrutura da illa" e, ao perderse as comunicacións, Ucraína deunos por mortos.

14.00 | Rusia nega ser culpábel da guerra: "Isto tiña que rematar"

Segundo recolle a axencia Sputnik, fontes do Ministerio de Defensa ruso veñen de sinalar que o seu país non é culpábel do estoupido da guerra: "As accións militares por parte do réxime de Kiev e o exterminio sistemático dos habitantes do Donbás duraron oito anos. Durante esta guerra morreron máis de 14.000 persoas, centos delas rapazas e rapaces. Isto tiña que rematar, así como as interminábeis ameazas de Kiev a Rusia. E Rusia farao", dixeron. 

13.30 | Acnur eleva a máis de medio millón os refuxiados

A Axencia da ONU para os Refuxiados (Acnur) vén de cifrar en "máis de medio millón" as persoas refuxiadas polo estoupido da guerra en Ucraína cara aos países veciños, nomeadamente Polonia, Hungría, Moldova e Romanía, segundo informa o Alto Comisario da ONU para persoas refuxiadas, Filippo Grandi.

12.50 | Rusia prepara o arsenal nuclear

O ministro de Defensa da Federación Rusa, Serguéi Shoigu, informou ao presidente ruso, Vladimir Putin, que, de acordo coa súa orde, "as quendas de servizo dos postos de mando das Tropas de Mísiles Estratéxicos, as Frotas do Norte e do Pacífico, e máis o Mando de Aviación de Longo Alcance comezaron a realizar o servizo de combate con persoal reforzado", dixo, en alusión ao mandato de Putin de pór en alerta as "forzas de disuasión", segundo recolle a axencia Sputnik.

12.20 horas | O Estado español enviará máis tropas á fronteira con Rusia

A ministra de Defensa, Margarita Robles, anunciou esta segunda feira que o Estado español reforzará os continxentes despregados na fronteira con Rusia co envío de máis militares para demostrar que a OTAN "non acepta ameazas" e condena a "invasión" de Ucraína. E sostivo que o presidente de Rusia, Vladimir Putin, terá que "responder ante tribunais internacionais" por este "salvaxe" ataque á paz.

11.15 horas | China aposta na diplomacia

As autoridades chinesas instaron a facer uso de "todos os esforzos diplomáticos" posíbeis para lograr pór en marcha medidas que leven a unha redución dos combates entre Rusia e Ucraína, e defenden que o seu país "sempre está do lado da paz e a xustiza".

10.25 horas | A ONU reporta case un cento de vítimas civís

Igor Konashenkov, segundo informa a axencia rusa Sputnik, enfatizou que "as Forzas Armadas de Rusia atacan só obxectivos militares e nada ameaza a poboación civil". Aliás, asegurou que "todos os civís poden saír libremente da capital pola estrada Kiev-Vasilkov".

Pola súa parte, a ONU vén de cifrar en 94 as vítimas mortais civís desde o inicio da invasión rusa a pasada quinta feira, e máis outros 376 que terían resultado feridos. Segundo Ucraína os mortos superarían os 350.

10.10 horas | Combate na central nuclear de Zaporozhie, a maior de Europa

O portavoz do Ministerio de Defensa de Rusia, Igor Konashenkov, asegurou esta segunda feira que o seu Exército vén de tomar o control da central nuclear de Zaporozhie, a maior en Europa, días despois de se facer coas instalacións de Chernobyl. "As Forzas Armadas de Rusia protexen e controlan completamente a zona da planta nuclear de Zaporozhie", dixo, nunha comparecencia ante os medios.

Porén, esta afirmación foi desmentida pola empresa eléctrica ucraína Energoatom: "Non presten atención á falsidade. A central nuclear de Zaporozhie atópase baixo control total de Ucraína e traballa de forma estábel, dando electricidade ao país", apuntou, en declaracións recollidas pola axencia ucraína Unian.

09.05 horas | As tropas rusas toman Berdyansk

Segundo Konashenkov, as forzas rusas tamén terían tomado as cidades de Energodar —onde se atopa a central— e Berdyansk, no sureste de Ucraína. As autoridades desta localidade ratificaron este anuncio: "Hai equipamento inimigo en varias comunidades, a área foi ocupada".

07.55 horas | Contención da ofensiva sobre Kiev

As autoridades ucraínas activaron na noite deste domingo a alarma antiaérea ante a posibilidade de recibir un novo ataque contra a capital do país, Kiev, que polo de agora segue baixo control do Goberno de Volodimir Zelenski. O asesor do Ministerio do Interior, Vadim Denisenko, advertiu do avance dun gran convoi de vehículos blindados rusos cara a Kiev desde o sur: "Sabemos cara a onde se dirixen e estamos preparados", dixo.

A columna rusa, segundo as imaxes de satélite das que informa o Goberno ucraíno, tería máis de cinco quilómetros de longo e estaría conformada por camións de transporte de combustíbel, carros blindados e outros medios loxísticos que nestes intres se acharían a uns 65 quilómetros da capital ucraína. Porén, o alcalde de Kiev, Vitali Klitschko, asegurou que a cidade "non está completamente arrodeada" polo Exército ruso xa que os ucraínos loitan "duramente" nos arrabaldes e os rusos teñen "moitas baixas".

Outras cidades como Hostomel, Irpín ou Priluki tamén foron escenario de fortes ataques, segundo as autoridades ucraínas.

Comentarios