Ucraína confirma que os soldados da Illa das Serpes están vivos despois de dalos por mortos

As Forzas Armadas confirmaron que estes soldados, para quen o presidente Volodimir Zelenski anunciou honores pola súa "heroicidade" ao negárense a depor as armas, sobreviviron e foron apresados polas tropas rusas en Sebastopol.
serp
photo_camera Vista aérea da Illa das Serpes (Foto: Ukrainskaya Pravda).

As Forzas Armadas de Ucraína veñen de confirmar a través do seu perfil de Facebook que os soldados da Illa das Serpes que rexeitaron depor as armas ante os avisos dun buque de guerra ruso están vivos e "foron levados presos polos rusos" en Sebastopol, que "destruíron completamente a infraestrutura da illa" e, ao perderse as comunicacións, Ucraína deunos por mortos.

Controversia

A pasada sexta feira o xornal ucraíno Ukrainskaya Pravda difundiu unha mensaxe de audio que se correspondería, segundo esta fonte, coas comunicacións mantidas na ucraína Illa das Serpes (Mar Negro) entre a tripulación dun buque ruso e outro ucraíno.

"Este é un barco de guerra ruso. Propóñolles que depoñan as armas e se rendan para evitar o derramamento de sangue e vítimas innecesarias. Do contrario, serán bombardeados", dixeron na citada gravación os militares de Rusia. "Buque de guerra ruso, vai á merda [sic]", responderon os trece soldados ucraínos.

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, deu por mortos os soldados do seu país e prometeu honralos: "Na nosa illa das Serpes, defendéndoa até o final, todos os gardas fronteirizos morreron heroicamente. Mais non se renderon. Todos eles serán condecorados a título póstumo co título de Heroe de Ucraína", dixo.

Porén, as autoridades rusas ofreceron unha versión diferente dos feitos a través da axencia de noticias Tass: "A guarnición das Forzas Armadas de Ucraína de 82 militares na Illa da Serpe rendeuse voluntariamente ás Forzas Armadas de Rusia. Nestes momentos están a asinar un xuramento por escrito no que rexeitan a resistencia militar. Unha vez que se estabilice a situación na zona de combate, todos os militares ucraínos que se rendan poderán volver a casa", dixo a pasada sexta feira o portavoz do Ministerio de Defensa ruso, Igor Konashenkov, a través deste medio.

Ao día seguinte, o sábado 26, Russia Today difundiu un vídeo no que presuntamente se ve desembarcar eses 82 soldados que se terían rendido na Illa das Serpes, e informou de que o Ministerio de Defensa ruso reportou que "16 lanchas da Armada ucraína atacaron na noite da sexta feira buques da frota rusa no Mar Negro que transportaban os soldados ucraínos", que segundo o Goberno ruso tería como fin "acusar Rusia da masacre dos prisioneiros".

Malia dalos por mortos inicialmente, as autoridades ucraínas admitiron o mesmo sábado que os soldados da Illa da Serpe poderían estar vivos. O Servizo Estatal da Garda Fronteiriza de Ucraína sinalou nun comunicado que o seu goberno ten o "forte convencemento" de que terían sobrevivido.

"As primeiras informacións antes de perder o contacto con eles apuntaban a que terían morto. Agora, logo de recibirmos información sobre a súa posíbel localización, estamos a pescudar o seu paradoiro. Esperamos que regresen cedo á casa, e as informacións sobre a súa morte non poden ser confirmadas", argumentaron.

Comentarios