A Deputación de Lugo exixe á Xunta a "paralización" da Rolda Leste

Inmediacións do río Rato en Lugo (Foto: Adega).
Tal e como informaba 'Nós Diario' a semana pasada, a propia Deputación de Lugo alertaba de "graves irregularidades" no proxecto de trazado elaborado pola Xunta para a segunda fase da Rolda Leste.

A Deputación de Lugo exixe á Xunta da Galiza “a paralización do proxecto da Rolda Leste [Lugo] até que haxa un consenso político e social sobre a súa conveniencia e trazado”, tal e como propuxo o BNG a través dunha emenda á moción que se presentou sobre esta infraestrutura no pleno da Institución. 

Durante o debate, a vicepresidenta da Deputación de Lugo e deputada nacionalista Maite Ferreiro reiterou o posicionamento do BNG en relación con este proxecto. “Non só pedimos que se cambie,  pedimos que se paralice até que haxa un consenso social. A maioría da cidadanía de Lugo non quere esa infraestrutura e cuestionamos que sexa necesaria a esta altura, despois de 20 anos nos cales a situación da cidade cambiou moito e non se parece en nada ao que propuña o PXOM daquel momento nin ás necesidades que prevía”, explicou.

Maite Ferreiro incidiu na necesidade de “protexer o entorno natural do Rato, un lugar de encontro da veciñanza” das agresións que suporía a infraestrutura e lembrou que “o rexeitamento non é só do BNG senón de asociacións veciñais, micolóxicas, ecoloxistas e moitas persoas a título individual que defenden o patrimonio ambiental e o patrimonio etnográfico”, concluíu.

Finalmente, a moción, modificada coa emenda do BNG, aprobouse cos votos a favor do PSdeG e a abstención do Partido Popular.

Tal e como informaba Nós Diario a semana pasada, a propia Deputación de Lugo alertaba de "graves irregularidades" no proxecto de trazado elaborado pola Xunta para a segunda fase da Rolda Leste.

Entre as irregularidades detectadas estaría a declaración de impacto ambiental "caducada", xa que data do ano 2004, polo que se debe "tramitar un novo procedemento de avaliación".

Reparación integral da N-540

O BNG tamén propiciou o acordo da corporación da Deputación de Lugo para reclamar ao Goberno do Estado a "reparación integral" do firme da estrada N-540, entre Lugo e Ourense. A proposta, aprobada por unanimidade, insta o Goberno español a actuar de forma urxente para darlle unha solución definitiva ao firme desta estrada, que deteriora os vehículos e prexudica a veciñanza e ao tecido económico das zonas polas que pasa.

No tocante ás infraestruturas, o BNG reiterou no pleno o seu compromiso coa demanda da modernización da vía de ancho métrico entre Ribadeo e Ferrol, reclamada por última vez no Congreso polo deputado Néstor Rego o pasado mes de marzo.