Advirten "irregularidades" no proxecto da Xunta para a Rolda Leste de Lugo

A Deputación de Lugo afirma que caducou a declaración de impacto ambiental.
Inmediacións do río Rato en Lugo (Foto: Adega).
photo_camera Inmediacións do río Rato en Lugo (Foto: Adega).

A Deputación de Lugo detectou "graves irregularidades" no proxecto de trazado elaborado pola Xunta da Galiza para a segunda fase da Rolda Leste da cidade de Lugo. Segundo informou esta quinta feira a institución. 

Entre as irregularidades detectadas estaría a declaración de impacto ambiental "caducada", xa que data do ano 2004, polo que se debe "tramitar un novo procedemento de avaliación".

Ademais, apuntan que "o proxecto incumpre o Plan xeral de ordenación municipal de Lugo" ao mudar o trazado, eliminando un viaduto sobre o Rego da Saíma e cambiando este por un recheo, “o que supón uns impactos diferentes que deben ser analizados novamente”.

A proposta do Goberno galego , defende a Deputación, “desvíase do recollido no Plan xeral de ordenación municipal, ao situarse entre os puntos quilométricos 4,5 e 5,080, moi distante do disposto no ordenamento urbanístico.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, afirmou que os anuncios da Xunta da Galiza ao respecto da Rolda Leste "son un engano, unha mentira e unha burla aos lucenses". 

Ademais, José Tomé considerou que, en realidade, "non van facer nin un só metro de obra este ano, por tanto, o investimento que ían facer neste 2023, de 6 millóns, non se vai executar". 

Protestas veciñais

Sobre este proxecto, colectivos de Lugo promoveron un manifesto en defensa do val do río Rato e contra a Rolda Leste. O tenente de alcalde do Goberno de Lugo e voceiro do BNG na corporación, Rubén Arroxo, advertiu esta mesma semana a Nós Diario do impacto da autovía.

O portavoz nacionalista en Lugo apuntou que “a estrada proxectada cárgase o núcleo de Bosende, desvertebrando un lugar con máis de 200 veciños e veciñas”. Neste sentido, apuntou que “a zona afectada é das máis usadas pola veciñanza".

Comentarios