A Vicepresidencia da Deputación de Lugo convoca 230 bolsas para deportistas de modalidades individuais

O deputado de Deportes, Efrén Castro, destacou o incremento do 18% no orzamento desta liña de apoio ao deporte, cun investimento total de 100.000 euros.

Efrén Castro, deputado de Deportes na Deputación de Lugo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Efrén Castro, deputado de Deportes na Deputación de Lugo (Foto: Nós Diario).

A área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo anunciou que distribuirá 230 bolsas, 45 máis que na pasada edición, para deportistas individuais.

Desta maneira, amplíase a cobertura destas achegas que teñen como obxectivo fomentar a participación  de deportistas de modalidades individuais en competicións, contribuíndo a financiar os gastos asociados a esa actividade.

As axudas oscilan entre os 300 e os 2500 euros e supoñen un investimento total de 100.000 euros. Para o deputado de Deportes, Efrén Castro, significa aumentar “nun 18% a contía  destinada a esta liña de apoio ao deporte para atender unha demanda crecente nas últimas convocatorias”.

Castro asegura que “medra a participación deportiva e tamén o nivel competitivo con deportistas lucenses con excelentes resultados nas súas participacións en probas tanto de nivel galego como estatal”.

Axudas ao deporte base

O responsábel de Deportes explicou que “a convocatoria trata de responder sobre todo ás necesidades de deportistas en etapas de iniciación, e polo tanto de colaborar nuns gastos que atenden fundamentalmente as familias, desde licenzas ou inscricións en competicións ata transporte ou o material deportivo”.

As contías asígnanse en función dos resultados deportivos acadados en probas e campionatos en cada nivel de competición, desde campionatos provinciais ata europeos e mundiais, ao longo de 2022.

O prazo para presentar as solicitudes abrirase esta segunda feira e rematará o 11 de abril.

Comentarios