“A situación nas urxencias do HULA estes días é, cando menos, calamitosa”. Así o denuncian desde a federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde).
Desde a central sindical alertan de que os e as doentes están “amoreadas” nos corredores e nas salas do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), “agardando a seren ingresados”.
19 pacientes á espera
“Neste momento hai 19 doentes que deberían estar nas súas habitacións ingresados”, afirman. Non obstante, a realidade é que “están en padiolas nos corredores”, onde son atendidos polo persoal do servizo de urxencias.
As traballadoras e os traballadores deste servizo realizan as súas funcións “cunha elevada carga de traballo e dentro das súas posibilidades”, segundo denuncian desde CIG-Saúde.
“Os corredores de urxencias non son unha planta”, denuncian. O servizo de urxencias “non dispón do que precisa un doente ingresado”, engade a central sindical.
Competencia da dirección
A federación de Saúde da central nacionalista considera que é a dirección do centro hospitalario de Lugo a que ten que resolver as carencias asistenciais do servizo de urxencias.
“A dirección é a que ten a obriga de abrir plantas e facer o que se teña que facer para garantir a calidade da atención a estes e a estas doentes”, afirman desde a CIG-Saúde.