A chuvia e o mal tempo non desanimaron este domingo aos numerosos veciños e veciñas da Baña e Negreira que marcharon, partindo da Carballeira de Seilán, para denunciar o que cualifican de “espolio eólico”: un parque que contempla aeroxeradores que medirán "tres Torres e media de Hércules".
“Por culpa do capital, bótannos do rural” era o lema que presidía a manifestación, na que tamén participaron representantes de organización como o BNG (os deputados Luis Bará e Iria Carreira), PSdeG (Noa Díaz) e Anova (Antón Sánchez).
Veciñas e veciños da Baña empezaron hai unas semanas unha recollida de alegacións contra o parque proxectado na aldea de Troitomil.
Todos os partidos políticos expresaron entón o seu apoio ás demandas canalizadas a través das asociacións veciñais de Fiopáns, Cabanas, Lañas e San Mamede de Monte, que advirten dos problemas que o parque creará na biodiversidade da montaña e dos desvíos na distribución da auga e das interferencias nos sinais de telefonía ou televisión.
A Consellaría de Economía someteu a información pública a solicitude de autorización do parque de Green Capital Power, que contaría cunha potencia instalada de 30 megavatios e nos que cada muíño medirá "tres Torres e media de Hércules", advirte a veciñanza.
Impúlsao a empresa do ex xenro de Florentino Pérez
Trataríase do terceiro proxecto en solo galego desta empresa, que naceu baixo o paraugas de Capital Energy, propiedade do empresario madrileño Jesús Martín Buezas, ex xenro do empresario Florentino Pérez.
Capital Energy foi unha das empresas que denunciou o concurso eólico da Xunta da Galiza en 2010 e prevé levantar 17 parques en toda a Galiza para se facer cun total de 539 megavatios.
Hai 131 parques eólicos en proxecto na Galiza
A produción de enerxía eólica atópase na Galiza en máximos históricos. Segundo os datos fornecidos pola Rede Eléctrica Española, a potencia instalada atinxiu en 2020 os 3.829 megawatts (MW), sinalando a Asociación Eólica Galega (AEG) que a xeración de enerxía por esa vía situouse en 999,23 quilowatts (kW) por hora. Malia que a Galiza é o segundo produtor eólico do Estado e nesa mesma anualidade exporta 28% da electricidade xerada, as compañías enerxéticas teñen actualmente en tramitación no país máis de 10.000 MW, o que supón aumentar a potencia instalada en máis de 72%.