A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, deberá gardar corentena por manter contacto cunha persoa diagnosticada con covid-19.
Fontes da Xunta consultadas por Europa Press ratificaron que a conselleira atópase ben mais ten que gardar corentena. Esta segunda feira a primeira hora Vázquez anulou toda a súa axenda pública.
"Por contacto cunha persoa positiva en coronavirus, debo gardar a corentena antes de retomar a miña axenda pública", trasladou na súa conta da rede social Twitter.
Vázquez é a segunda conselleira do Executivo galego que se ve obrigada a illarse por contacto cun positivo en coronavirus.
Previamente, o pasado mes de setembro, foi o titular de Educación, Román Rodríguez, o que anunciaba que tiña que gardar corentena tras o contacto cun positivo na súa contorna persoal.
Galiza rexistrou outros 417 positivos por Covid-19 nas últimas 24 horas, deles 98 na área sanitaria de Vigo; 75 na de Santiago e Barbanza; 66 na de Ourense e 54 na da Coruña.
Os casos activos xa superan os 5.100. Aumentan a 312 os pacientes con Covid hospitalizados, deles 46 en UCI.