Na residencia de persoas maiores de DomusVi en Barreiro, en Vigo, rexistráronse tres persoas contaxiadas por coronavirus.
Dúas son usuarios e a terceira é un médico. Segundo sinala Europa Press, os dous maiores foron trasladados ao hospital, mentres que o facultativo do centro está illado no seu domicilio. Así mesmo, as persoas que tiveron contacto cos casos de contaxio foron postas en corentena nunha área da residencia co obxectivo de observar a súa evolución. Tamén se informou desta situación aos familiares das persoas usuarias do centro.
Adicionalmente, cinco persoas maiores da residencia de DomusVi en San Lázaro, en Santiago de Compostela, foron contaxiadas polo novo coronavirus.
Ademais, onte detectouse outro caso nunha residencia de Caldas de Reis.
Traballadoras e familiares de persoas usuarias de residencias de maiores na Galiza veñen denunciando a falta de medidas de protección e prevención para protexer a este abano da poboación, especialmente vulnerábel.