A chave de Meirás, de volta a mans do pobo

Acto reivindicativo realizado en Meirás, no día da entrega do pazo á Administración xeral do Estado. (Foto: Europa Press)
Tres xeracións levou recuperar o pazo de Meirás da impunidade que durante oito décadas ostentou o franquismo e os seus herdeiros e solventar así unha longa anomalía democrática. Desde onte, a que foi residencia de verán do ditador en Sada convértese, de novo, nun ben público. 

O pazo de Meirás pasou onte, formalmente, a mans públicas, 82 anos despois de que o ditador Francisco Franco o recibise como agasallo, froito do espolio ás veciñas e veciños de Sada e un día despois de que a familia do xeneral golpista, herdeira da propiedade, entregase no xulgado as chaves, de acordo coa execución provisional da sentenza que o pasado 2 de setembro determinou que a posesión do conxunto patrimonial pertence ao Estado e non aos Franco.

Desta maneira eludiron os netos do "caudillo" figurar nunha imaxe que simboliza un momento histórico: a recuperación para o ben público da que fora morada da escritora Emilia Pardo Bazán e posteriormente residencia de verán do xefe do Estado durante a ditadura.

Ese momento quedou retratado a última hora da mañá, cando a maxistrada Marta Canales, autora da resolución xudicial de primeira instancia, facía entrega das chaves á avogada xeral do Estado Consuelo Castro e rubricaba o cambio de posesión, en presenza da subsecretaria do Ministerio de Facenda e dos membros da Avogacía do Estado que presentaron a demanda, nun acto desenvolvido no que fora o despacho de Pardo Bazán, na denominada Torre da Quimera, onde a autora gardaba a súa biblioteca persoal.

Antes de chegar a ese momento, a comitiva xudicial, xunto cun equipo técnico, verificou que os bens inventariados o pasado mes de novembro –un total de 697 pezas artísticas e históricas, móbeis e pertenzas persoais, das que a Avogacía do Estado excluíu onte dúas, a Casa das Cunchas e o hórreo anexo ao inmóbel, por quedar fóra do perímetro amurallado– se atopaban nas dependencias.

Previamente ao acto, a xuíza requiriu tamén a Administración xeral do Estado para que no prazo de vinte días hábiles determine que bens han ser entregados aos demandados, tal e como solicitaron os Franco, despois de reclamar para si o conxunto dos efectos.  

Tamén no exterior

O feito de que a entrega de hoxe responda á execución provisional dunha resolución que aínda non é firme –a familia Franco ten interposto recurso contra a decisión de anular a doazón do pazo en 1938 e o posterior contrato de compravenda, de 1941, por fraudulento e de outorgar a propiedade ao Estado español– non empanou a significación dunha xornada que deixa, en palabras da Avogada xeral do Estado, sensación de "xustiza histórica".

Así quedou patente desde a mañá na contorna do recinto, á que foron acudindo medios de comunicación, grupos de persoas e activistas para celebrar que "o pazo é do pobo", após oito décadas en poder da familia do ditador, e reivindicar a súa transmisión a Galiza, unha vez a sentenza que declara pública a propiedade sexa definitiva. 

 Entre eles contábase o investigador Carlos Babío, o autor da obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, e cuxo traballo serviu de base á demanda xudicial pola propiedade do conxunto arquitectónico, quen resaltou o papel da "loita democrática e reivindicativa da xente comprometida" e chamou a seguir traballando para recuperar outros bens "espoliados" durante aquel período histórico.

Neste sentido, o especialista censurou a exclusión dos sectores sociais non institucionais na xuntanza desenvolvida a pasada cuarta feira, a instancias da vicepresidenta Carmen Calvo, na que representantes do Goberno español, da Xunta, dos concellos da Coruña e Sada e da Deputación avaliaron os usos futuros da residencia e a finca, "unha vergonza desde o punto de vista social", que "obvia", a entender de Babío, a participación dos colectivos na reivindicación de Meirás como patrimonio público durante todos estes anos. 

Este é un estrato do tema que publicamos hoxe. Se queres saber máis atoparás o contido completo no Nós Diario que agarda no quiosque ou na tenda online. Para futuros despistes, é mellor que te subscribas xa!