Devolución do pazo de Meirás

A avogada xeral do Estado: “É un día de xustiza histórica”

A propiedade e os bens inventariados xa son propiedade pública após 82 anos en mans da familia Franco. Malia que este traspaso é provisional á espera da sentenza definitiva, celebrouse este paso cara a recuperación para o patrimonio público.

Imaxe de xente protestando ás portas da propiedade. (M.Dylan / Pool / Europa Press)
photo_camera Imaxe de xente protestando ás portas da propiedade. (M.Dylan / Pool / Europa Press)

“É un día que deixa unha sensación de xustiza histórica”. Con estas verbas resumía a avogada xeral do Estado, Consuelo Castro Rey, a entrega do pazo de Meirás e os bens que garda no seu interior ao patrimonio público.

A letrada fixo estas declaracións esta mañá despois de que se tomara posesión oficialmente destes bens situados no municipio de Sada. Após 82 anos en poder do ditador e da súa familia, o pobo recupera o inmoble.

Polo momento o cambio de mans é provisional, pois a familia Franco recorreu a decisión do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, que ordenou a devolución. Falta a sentenza definitiva pero houbo moita xente que quixo ser testemuña directa do acto simbólico no que a xuíza Marta Canales entregou as chaves, que foron depositadas onte nas dependencias xudiciais da Coruña.

A sinatura do documento que deixa constancia da entrega fíxose despois de que un equipo técnico da Xunta -o que realizou o inventario de bens e detectou case 700 pezas de interese público- verificara que todo estaba en bo estado de conservación, ao igual que cando se practicou a investigación.

En calquera caso, a Avogacía do Estado quixo aclarar que hai dous bens que están no inventario pero que non son dos que reclamaron as administracións públicas. Trátase da Casa das Conchas e un hórreo anexo ao inmoble. Tamén haberá 20 días de prazo para entregar os bens que si deben ser para os Franco.

O simbolismo do día

Aliás o momento de entrega das chaves, un dos momentos máis emotivos foi quizais a comparecencia ante os medios. Nela, na que a avogada xeral do Estado falaba de “xustiza histórica”, tamén participaron a subsecretaria do Ministerio de Facenda, María del Pilar Paneque, e os letrados do Estado que presentaron a demanda xudicial contra os achegados do ditador, Javier Suárez e Adela Álvarez.

Sobre a entrega, Consuelo Castro destacou que “no Día Internacional dos Dereitos Humanos” ten unha “significación en termos de memoria democrática”. “Son galega, sei o que significa para min”, engadiu.

A respecto do interior do inmoble, asegurou que este acto “simbólico e histórico” deixou ver que é “evidente a presenza durante 40 anos dun réxime ditatorial”, mais tamén reivindicou a figura da autora Emilia Pardo Bazán, a primeira dona do complexo. Foi no espazo da antiga biblioteca onde se asinou o documento oficial.

A xurista felicitou ás e aos compañeiros que levaron a demanda. Non prevé que suceda o mesmo para que a Casa Cornide da Coruña regrese ao pobo porque o Estado non está “lexitimado”. “Foi o Ministerio de Educación pero o último propietario foi o Concello”, lembrou.

Comentarios