Patrimonio Nacional documenta novos casos do espolio dos Franco ao patrimonio público

Os Franco gardan en Meirás bens de titularidade estatal

O inventario de bens do Pazo de Meirás ordenado pola maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña está servindo para documentar novos casos de espolio ao patrimonio público por parte da familia Franco. Aos exemplos xa coñecidos súmanse agora bens de titularidade estatal.
Escritorio do século XVIII gardado en Meirás, idéntico ao empregado polo rei Francisco de Asís. (Foto: Patrimonio Nacional)
photo_camera Escritorio do século XVIII gardado en Meirás, idéntico ao empregado polo rei Francisco de Asís. (Foto: Patrimonio Nacional)

A apropiación por parte da familia Franco de diversos obxectos de gran valor patrimonial é coñecida. Sen dúbida ningunha, as pezas de máis significación son as figuras de Isaac e Abraham, labradas polo equipo do Mestre Mateo, integrantes durante séculos do conxunto do Pórtico da Gloria, posteriormente compradas ao conde de Ximonde, Santiago de Puga, polo Concello de Compostela e desde mediados da década dos 50 gardadas na residencia de verán do ditador. Outro tanto acontece coas pías bautismais medievais da reitoral de Moraime, en Muxía, que en agosto de 1960 a esposa de Francisco Franco, Carme Polo ordena trasladar a Meirás ou co material procedente do pazo do Marqués de Bendaña en Dodro, desmontado pedra a pedra e empregado en diversas obras na vivenda do ditador.

Patrimonio Nacional vén de documentar agora a presenza en Meirás de diversos bens inmóbeis de titularidade estatal. Segundo se sinala nun documento ao que tivo aceso Nós Diario, elaborado pola Dirección de Coleccións Reais de Patrimonio Nacional após o primeiro inventario dos obxectos do pazo realizados tras a resolución Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, son numerosas as pezas de propiedade estatal conservadas en Meirás. Porén, segundo se recolle no informe, “é moi posíbel que non sexan as únicas e, de continuar as investigacións, atoparase máis documentación relacionada coa titularidade doutras pezas conservadas no edificio”.

A Dirección de Coleccións Reais de Patrimonio Nacional demanda máis tempo e defende “a conveniencia de revisar a totalidade de bens de carácter histórico artístico como de bens da primeira metade do século XX”. A este respecto, a autora do informe, a xefa de servizo de Conservación de Coleccións Reais, afirma que “ao meu xuízo hai que prestar especial atención ao mobiliario e aos bronces, pois hai máis pezas que as aquí sinaladas cuxa calidade fai sospeitar que podería ter a súa orixe nas coleccións reais españolas. O mesmo ocorre coa biblioteca”. Ao tempo, o relatorio pon o foco en determinadas alfombras e porcelanas da primeira metade do século XX.

A primeira revisión do material recentemente inventariado xa ten permitido identificar diversos obxectos procedentes do patrimonio estatal. Así, entre os mesmos atópase un conxunto de escritorio do S.XVIII mercado polo rei Carlos IV en Francia e que segundo os especialistas pode ser da autoría do destacado ebanista Claude-Charles Barnier.

Mesmamente este mobiliario pódese corresponder cunha peza do despacho do rei Francisco de Asís, xa que está documentado en dúas fotografías de 1931 e 1937 un móbel idéntico na decoración do Palacio Real de Madrid.

O primeiro inventario fotográfico do Palacio Real de Madrid, realizado entre 1916 e 1924, posibilita fixar a procedencia doutras pezas gardadas polos Franco en Meirás. Unha delas é unha mesa vitrina de mediados do século XIX que vai decorar a sala de música da raíña Victoria Eugenia ou un sofá de talla dourada que até mediados dos anos 20 fixo parte do salón de visitas da mesma monarca. A orixe da biblioteca de Meirás encóntrase baixo sospeita. A maiores dos fondos pertencentes a unha das propietarias da casa, a escritora Emilia Pardo Bazán, o informe elaborado polos especialistas consideran de propiedade pública diversos volumes custodiados na residencia, como unha colección da denominada Guía Oficial de España, cuxa encadernación é idéntica á seguida para estes tipos de traballos pola Casa Real.

Alcalde

O alcalde de Sada, Benito Portela, considera que o contido do Inventario de bens realizado pola Xunta é “manifestamente incompleto, impreciso e omisivo".

Comentarios