A delegación do Sáhara para a Galiza e mais a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí asinan un comunicado no que chaman a poboación a concentrarse nesta quinta fera nas sete urbes do país para amosar o seu apoio á poboación deste territorio.
Tamén reclaman un referendo de autodeterminación como "solución definitiva".
"Vémonos na obriga de seguir mobilizando e facer un chamamento á solidariedade co pobo saharauí e co seu lexítimo representante, o Fronte Polisario", afirman no chamamento.
Así, piden o apoio da cidadanía "diante da persistencia das agresións do Reino de Marrocos contra a soberanía do Sáhara Occidental, a súa intervención ilegal en Guerguerat e, en consecuencia, a ruptura do alto ao fogo asinado entre as dúas partes en 1991".
Os convocantes censurasn "a pasividade para resolver o conflito por parte da Organización das Nacións Unidades e o silencio habitual do Goberno de España".
As concentracións terán lugar ás 19.20 horas en Vigo, diante do Museo do Marco; ante as sedes da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, A Coruña, Ourense e Lugo; en Compostela, na praza de Praterías e en Ferrol, ante a sede da Xunta da Galiza na cidade.