Estala a guerra no Sáhara tras un operativo militar marroquí contra civís en Guerguerat

A Polisario considera que Rabat violou o cesamento do fogo de 1991. Fontes do Ministerio de Exteriores do Goberno saharauí consultadas por Nós Diario confirmaron que, á última hora de hoxe, xa se produciran enfrontamentos directos.
Bandeiras da República Árabe Saharuí Democrática (Foto: Europa Press).
photo_camera A Polisario prevía unha xuntanza mañá co secretario xeral da ONU (Foto: Europa Press)

O exército marroquí penetrou hoxe na faixa desmilitarizada do extremo sur do Sáhara Occidental para romper o bloqueo ao tráfico imposto hai tres semanas por un grupo de manifestantes saharauís no paso de Guerguerat, desencadeando un enfrontamento armado.

A operación, segundo denunciou a Fronte Polisario, supuxo un ataque sobre poboación civil que se manifestaba libremente a prol da autodeterminación. De acordo con axencias internacionais, houbo disparos ao aire tanto da parte marroquí como da saharauí. Fontes do Ministerio de Exteriores do Goberno saharauí consultadas por Nós Diario confirmaron que, á última hora de onte, xa se produciran enfrontamentos directos entre os Exércitos dun e doutro bando.

Pola súa banda, fontes do Goberno marroquí citadas por axencias internacionais insistiron en que no operativo inicial, os disparos foran de advertencia, sen apuntar as persoas, polo que non había que lamentar vítimas. 

En calquera caso, a Polisario considera a intervención marroquí como unha violación do cesamento do fogo asinado en 1991. Así o manifestou nun comunicado oficial, onde sinala que "as Forzas Armadas marroquís violaron deliberadamente o acordo do cesamento do fogo asinado entre as dúas partes do conflito no Sáhara Occidental (Fronte Polisario e Marrocos) ao enviar forzas militares a través de tres rutas ao leste da brecha ilegal de Guerguerat cara aos civís saharauís que se manifestaban pacificamente na zonas desde o 21 de outubro".

Neste sentido, considera como un acto de "lexítima defensa da soberanía e integridade territorial da RASD" as posíbeis respostas da Fronte Polisario.

Voluntarios

Centos de persoas nos campamentos de refuxiados saharauís na rexión alxerina de Tinduf pedían onte á Fronte Polisario que lles facilitase armas para unha eventual guerra con Marrocos. Polo momento as forzas saharauís responderon con disparos e manteñen a posición na zona de Tifarit.

Nunha carta urxente enviada ao secretario xeral da ONU, António Guterres, o presidente da RASD e secretario xeral da Polisario, Brahim Ghali, denunciou que "a operación militar das forzas marroquís contra civís saharauís é un acto de agresión e unha flagrante violación do cesamento do fogo". Ademais, considérao "premeditado" para "abortar os esforzos da ONU", xa que se produciu xusto na véspera do contacto previsto entre Guterres e representantes da Fronte Polisario.

Comentarios