Galiza rexistrou outro falecemento dun paciente con Covid-19 na residencia de Outeiro de Rei, que acumula 131 usuarios contaxiados, e detectou outros 195 positivos nunha xornada na que os casos activos experimentaron un lixeiro aumento de oito casos para situarse en 4.259.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 4.259, o que supón 8 máis que os rexistrados na cuarta feira.
Segundo os datos actualizados esta quinta feira, os casos activos baixan nas áreas da Coruña até os 964 -11 menos-; Ferrol até os 129 -que supoñen 19 menos que onte-; Lugo, con 524 -trece menos-; e Santiago, que ten 534 -tres menos-.
Por contra, aumentaron os casos activos nas áreas sanitarias de Ourense, que rexistra 799, o que supón 34 máis; Vigo, que conta con 514 -once máis- e Pontevedra, onde ascenden a 795 -nove máis-.
Do total de pacientes positivos, 33 están en UCI, 203 en unidades de hospitalización e 4.023 no domicilio.
Polo de agora, na Galiza hai un total de 19.129 persoas curadas, rexistrándose 747 falecementos.
En relación ás residencias de maiores hai 453 casos activos, a maior parte deles en persoas usuarias (314), mentres que en traballadoras e traballadores son 139.
Das 747 persoas falecidas na Galiza pola pandemia da Covid, 179 foron en residencias ou hospitais procedentes de residencias.
Por último e xa relacionado coas escolas infantís e centros educativos, hai 350 casos activos e o número de aulas pechadas son 37.