Perto de 8.000 despexos tiveron lugar en Galiza nos últimos cinco anos. Entre os exercicios 2008 e 2013, ambos inclusive, executáronse 7.724 ordes de desafiuzamento, segundo dados do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ). Unhas cifras do poder xudicial coas que o blog da Cadea Ser 'Diario da Crise' vén de facer un mapa con dados por provincias.
No que atinxe a eses territorios, en Galiza son A Coruña e Pontevedra as que nestes anos rexistraron máis procedementos de lanzamento que acabaron co despexo dun inmoble. Na Coruña, 3.172; en Pontevedra, 2.834. Entre 2008 e 2013 na provincia de Lugo houbo 867 desafiuzamentos e na de Ourense, 851.
Case catro por día
Só en 2013 executáronse en Galiza 1.241 despexos. Unha media de tres desafiuzamentos e medio por día. Ou sexa, sete cada dous días. A nivel de Estado, o 2013 despediuse deixando cifras estarrecedoras: máis de 39.000 despexos.
Cómpre aclarar que nestas cifras do poder xudicial non se discrimina, como indica o blog, por tipos de inmoble, polo que nelas inclúese vivenda habitual, segunda residencia, locais, garaxes...
A finais de marzo plataformas contra os desafiuzamentos e de afectad@s pola hipoteca da Galiza rexistraban no Parlamento galego a primeira ILP contra os despexos que se presenta na Cámara dun territorio a nível estatal. Pedían unha modificación da actual lei galega de vivenda até conseguir "que se paralicen todos os desafiuzamentos".