Alcoa, a "coartada" da Xunta

Capital Energy e Greenalia non xeran electricidade suficiente para cubrir as necesidades de Alcoa

Parque eólico de Greenalia en Vimianzo. (Foto: Greenalia)

O pasado 26 de decembro, dous días antes que o cadro de persoal da factoría de aluminio de San Cibrao en Cervo celebrara un referendo sobre a paralización da actividade na fábrica até 2024, a eléctrica Greenalia anunciou un preacordo con Alcoa para subministrarlle electricidade de orixe eólico a un prezo reducido. Catro días máis tarde, outra enerxética con intereses na zona, Capital Energy, fixo público un pacto semellante coa multinacional estadounidense.

Alcoa é o primeiro consumidor eléctrico da Galiza e do Estado español. Segundo os dados achegados pola propia compañía á Xunta da Galiza, dentro da súa avaliación ambiental integrada, as necesidades enerxéticas da factoría de San Cibrao en Cervo requiren 396 megawatts, isto é unha terceira parte do consumo total do país. Porén, como explica a Nós Diario o membro do colectivo Bidán, Quico da Silva, “garantir a actividade as 24 horas do día os 365 días do ano con fontes de xeración de orixe eólico obriga a dispor de 1.335 megawatts”. Ao tempo, lembra que “as enerxías renovábeis polo seu carácter non continúo” non abondan para manter un centro de produción desta natureza.

Greenalia e Capital Energy non dispoñen de suficiente potencia instalada na Galiza para satisfacer as necesidades de electricidade de Alcoa. Así, a primeira compañía ten en funcionamento na Galiza 74,6 megawatts de orixe eólico e 50 megawatts procedente da súa central biomasa de Curtis. Porén, agás o seu parque de Ourol, con 22,5 megawatts, ningunha das súas restantes estruturas de xeración están en disposición de servir electricidade a Alcoa. As posibilidades de subministro Capital Energy son aínda menores, xa que a empresa non conta cun só megawatt instalado na Galiza sendo nula a súa capacidade de xeración.

As dúas empresas recoñecen a súa incapacidade para dar resposta ás necesidades enerxéticas de Alcoa cando vinculan o acordo coa multinacional a proxectos eólicos actualmente en tramitación. Así, Greenalia liga o pacto ao desenvolvemento de “584 megawatts correspondentes con proxectos eólicos na provincia de Lugo, con acceso e conexión na subestación eléctrica de Xove, á beira das instalacións de Alcoa”.

Ao tempo, Capital Energy asocia o contrato a “11 instalacións eólicas que está a desenvolver na actualidade na Galiza e que suman unha capacidade instalada de 573 megawatts”. Malia que ningunha destas instalacións se atopa en fase de execución e a propia patronal eólica fixa un prazo mínimo de seis anos para pór en funcionamento un parque eólico, as dúas empresas sinalan xaneiro de 2024 para a súa entrada en servizo.

Instalacións en área non autorizadas
As instalacións eólicas previstas por Greenalia e Capital Energy están situados en áreas non autorizadas para este tipo de proxectos e nalgúns casos teñen informe desfavorábel da Xunta da Galiza. Sen ir máis lonxe, isto acontece co parque eólico Borrasca cunha potencia de 84 megawatts que Greenalia promove nos concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Xove, Foz, Lourenzá e Mondoñedo.

Outro tanto sucede co parque eólico Fonte de Barreiros, que cunha potencia de 96 megawatts Capital Energy impulsa en Barreiros e Ribadeo. Asemade, estes dous proxectos, canda outros sinalados por Greenalia para fornecer de electricidade a Alcoa, son obxecto dunha forte oposición veciñal e veñen de alegar contra eles diversas Gobernos locais, como os de Barreiros, Foz, Meira ou Ribadeo.

Os colectivos que na Mariña se opoñen a estes proxectos consideran que a Xunta utiliza como coartada a Alcoa para sacar adiante uns parques eólicos que non cumpren coa normativa. A este respecto, o membro da plataforma Eólicos na Mariña, Así Non e concelleiro do BNG en Foz, Iago Villamil, sinala a Nós Diario que “queren condicionar á veciñanza con Alcoa cando non hai garantía algunha da súa continuidade”.

As fontes sindicais da factoría de Alcoa consultadas por Nós Diario tamén dubidan destas propostas. Neste sentido, sinalan que “a empresa durante a negociación falou de asinar contratos bilaterais con diversas compañías eléctricas para abaratar os custos enerxéticos porén isto fíxose no contexto de buscar o noso apoio para parar as cubas. Ademais non temos ningunha garantía de que isto vaia acontecer e só a palabra de Alcoa”