Unha imaxe do estaleiro de Purro acompañada dunha pregunta: "como é que o conservamos?" Así foi deseñado o cartaz da primeira experiencia Bicomún, partillada pola veciñanza de Bueu.
Desde aquela pasou case un ano e o proxecto espallouse até chegar á Gudiña pasando por Ourense, Muxía e Camariñas e con dúas paradas máis: unha internacional, en Madrid; e a outra no (ciber)espazo, a plataforma de pensamento en rede ThinkCommons. Nesta última as propostas de patrimonio a conservar realizáronse a nível internacional e moitas delas están na Galiza, coma o Parque do Pasatempo de Betanzos, a arte das redeiras ou a compañía de títeres Barriga Verde.
Mais... que é iso de Bicomún?
"Unha categoría mancomunada de protección do patrimonio" que liberaron na rede @s activistas que, coma María Masaguer, fan parte de Niquelarte. No proxecto Bicomún xúntanse os conceptos BIC --a categoría oficial de máxima protección para un ben de interese cultural-- e Procomún --os bens comunais, herdados, que se transmiten de xeración en xeración--. Xurdiu "coma unha sensación" de tres amig@s que procuraban unha maneira social de difundir o patrimonio de noso, explica Masaguer.
O primeiro Bicomún organizouse en Bueu coa colaboración das entidades locais Motivos D'Aldea e SOS Estaleiro. Foi precisamente o valo do estaleiro de Purro, onde aínda (sobre)vive a carpintaría de ribeira, o espazo que servíu de tabloeiro para a exposición das dez propostas que a organización achegou e que a veciñanza valorou. "O patrimonio arqueolóxico é o que mellor se identifica porque é o que comunmente se non ensina como patrimonio", conta Masaguer.
Con todo, o obxectivo deste proxecto é identificar calquera ben común que mereza protección. Así, en Bueu propúxose tamén o millo do corvo, en Vilagarcía a fonte da Coca, en Ourense a toponimia tradicional, en Camariñas o encaixe ou a historia de Man de Camelle e en Muxía o secadeiro do cóngreo. Nesta curiosa argallada non hai candidatas e gañadora. Gañan todas.
Que metodoloxía se emprega?
"Contactamos cunha organización local ou eles contactan connosco e escollemos dez bens" que as xentes do lugar se encargarán de valorar coa axuda duns autocolantes de cores: verde se entenden que está ben conservado; vermello se entenden que está en mal estado; amarelo se consideran que debe ser recuperado; e azul se non o coñecen. A maiores, entrégaselles un cartón en branco e unha caneta para que escriban o que desexen, comentarios, etiquetas (tags) emocionais.
Os autocolantes péganse nos respectivos cartaces de cada ben seleccionado. Para alén dunha imaxe, colócase un pequeno texto que explica a historia dese bocadiño de patrimonio que se propón para 'catalogar'. De aí xorden entre @s participantes intercambios de anécdotas, de tradicións, de lendas e até de cancións vinculadas ao lugar. A tradición oral. Máis unha marabilla a recuperar e conservar.
Cal é o obxectivo?
Crear unha sementeira de ideas que se espallan, que se copian, que anegan todos os recunchos onde aínda resista patrimonio galego que mereza ser recuperado. "Conservar todo é imposíbel", sostén María Masaguer, polo que "buscamos, ademais da divulgación, que sexamos quen de tomar unha decisión en conxunto sobre o que máis valor ten para nós". E non fala de valor económico, claro.
"Queremos reivindicar o espazo público como lugar onde avaliar o que temos, 'hackear' o proceso de declaración BIC porque non emprega dinámicas participativas, botar embaixo a xestión xerárquica do patrimonio", acrecenta. Licenciada en Historia e con estudos en Conservación e Restauración, María Masaguer fai do Bicomún "activismo profesional". Defende que esta profesión se comprometa co territorio en que traballa e que faga á poboación partícipe das súas achegas.
Quen pode organizar un?
Calquera que sinta que o patrimonio da súa contorna se está a tornar faragullas e que cómpre facermos algo por o conservar. "Hai que expandilo, metelo na nosa vida cotiá e falar del e do seu uso e importancia de cara ao futuro", di Masaguer. Só hai un requisito: filmar e fotografar o proceso para o partillar na páxina do proxecto.
O último Bicomún --o oitavo-- organizouse na Casa da Viúva da Gudiña. Non foi ningunha asociación quen o puxo en marcha senón que xurdiu da vontade individual de dúas mulleres, Cristina Fernández e Olalla Manzano. Foron moit@s @s gudiñes@s que se achegaron até o lugar para exerceren de 'asesor@s de patrimonio' partillando a diagnose que fixeron dos bens que @s rodean e do estado en que se atopan. Foi o último mais non o derradeiro. Haberá máis. Sementar a riqueza de noso hoxe para que mañá (re)naza.