A Atención Primaria exixe unha nova xestión para deixar de padecer “unha sobrecarga brutal”

Imaxe de arquivo dun centro de saúde na Galiza. (Foto: Europa Press)

As e os facultativos consideran que o Sergas debe traballar na reorganización da atención de maneira que dispoñan de “axendas ben feitas e xestionadas” para non estar desbordados. Neste sentido, tamén exixen que as baixas -polo motivo que sexa- “se cubran” para evitar ter doentes derivados doutras compañeiras.

As e os doutores da Atención Primaria están fartos da realidade que lles tocou vivir cos recortes no servizo, a falta de consultas presenciais e a “sobrecarga brutal” de traballo porque non se compensan as baixas e vacacións nin se incrementan os cadros de persoal nos ambulatorios. Así exixen á Xunta que estabeleza “un novo sistema de xestión” que permita deixar atrás as difíciles condicións laborais actuais.

O voceiro da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) e médico nun centro de saúde compostelán, Jesús Sueiro, destaca que segundo os últimos datos da xerencia de xestión da zona aos que tivo acceso “as consultas na Atención Primaria aumentaron e a presión en urxencias diminuíu”.

Se a situación xa era complexa antes da pandemia, semella que o coronavirus levou as cousas ao límite con “sobrecarga brutal” na atención e “atraso en citas”, así como escaso tempo para atender as e os doentes.

Sueiro incide en que nos ambulatorios galegos, ou cando menos na maioría, están “saturados” de traballo.

"Estamos rebentados. Non paramos de ver xente", comenta o facultativo, falando quer de consultas presenciais como das telefónicas. Non hai que esquecer que o Sergas non acostuma mandar cobertura para as prazas baleiras por baixas ou vacacións, polo que a xente vai incrementando a lonxitude das axendas das doutoras que están dispoñíbeis.

Derivar a outras profesionais

Para o portavoz de Agamfec a demanda é sinxela: “Queremos ter axendas ben feitas e xestionadas” nas que “o paciente sexa visto por quen ten que ser visto”, mesmo falando doutros profesionais sanitarios porque a resposta “non sempre” é un médico.

Para iso tamén están as e os profesionais de enfermería, matronas, psicoloxía...  "Que non sexa barra libre e todo para o médico", puntualiza, reclamando á Consellaría de Sanidade que "organice ben a xestión da demanda".

"Se hai xente con axendas cheas e tardan en dar cita, hai que estudar e tomar medidas correctoras para ese centro", reivindica, ao tempo que pide “máis medios”.

Colocación noutros servizos

No discurso de pedir medios coincide o presidente da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG) no país , Carlos Bastida, que asegura que hai enfado entre as médicas porque non se cumpre cos compromisos.

Vense “sobrecargados” e “esquecidos” para concluír: “Estamos peor que nunca”.

“Basta de baralla, queremos feitos, que eses médicos recentemente formados en Atención Primaria non se marchen a outros niveis", reclamou, acusando á Administración dunha colocación en Urxencias ou no 061.