Opinión

A urxencia de recuperar a Atención Primaria presencial

Segundo os datos achegados no Parlamento de Galicia o pasado mes de abril polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, as citas presenciais na Atención Primaria sitúanse, nestes momentos nalgúns centros de saúde da nosa comunidade, no 50% do total, tendo asegurado a Xunta tamén que non ten previsto que a situación vaia volver á normalidade neste 2021.

Co fin do Estado de Alarma, a maioría das comunidades autónomas decidiron recuperar a presencialidade na Atención Primaria xa que está demostrado que o modelo de atención telefónica non é tan efectivo coma o presencial. O segundo permite unha centralidade na atención das persoas, un tratamento integral e unha continuidade no coidado que non sempre son posibles de acadar vía telemática. 

Mentres outras comunidades autónomas como Andalucía, Asturias, Aragón, Castela e León ou Valencia xa teñen recuperado a presencialidade nas súas consultas ofrecendo ao paciente a posibilidade de elixir entre unha cita teléfonica ou presencial, Galicia pola contra decidiu non volver á normalidade e quedarse cun sistema de Atención Primaria que se creou pola excepcionalidade da situación. 

É urxente devolver a atención médica e sanitaria presencial a todo o territorio galego, urbano e rural, xa sexa nos propios centros de saúde ou nos consultorios. Os centros de Atención Primaria de atención aos doentes deben reabrirse de forma inmediata.

Calquera que teña visitado un centro de saúde nos últimos tempos, de seguro foi testemuña de que a situación da Atención Primaria na actualidade é caótica. Así o aseguran os propios profesionais que con frecuencia se fan eco das necesidades e carencias que deberían repararse para asegurar unha mellor atención.

Fortalecer a Atención Primaria terá consecuencias tamén moi positivas para a rede de hospitais, xa que deste xeito se verían menos saturadas as súas propias dinámicas de funcionamento, dende a redución de entradas en urxencias ata a optimización de tempos e a diminución de listaxes de espera.

Xunto a isto faise necesario, máis ca nunca, reforzar a dotación de medios humanos na Atención Primaria tal e como propuxo a pasada semana o secretario provincial do PSdeG, Valentín González Formoso, pedindo o incremento da contratación de profesionais sanitarios coa finalidade de recuperar a efectividade da atención e proporcionar un servizo sanitario de calidade á poboación. 

Non debemos esquecer que os orzamentos da Xunta se incrementaron nun 14,9%, alcanzando a cifra de 11.664 millóns de euros, froito da transferencia de fondos acorda-da polo Goberno de España presidido por Pedro Sánchez. Este incremento debe dirixirse a reforzar o sistema sanitario, e creo que acertaríamos se se reforzase a Atención Primaria.

Comentarios