Reclaman a devolución dos seus aforros. Nin máis, nin menos. As plataformas de estafad@s coa comercialización de participacións preferentes por parte das caixas galegas volverán ás rúas este sábado.
Será nunha mobilización nacional en Compostela que partirá da Alameda até Monte Pío, a residencia oficial do presidente da Xunta, percorrido que aproveitarán para reclamar "que sexa a banca a que pague o resgate e non os afectados".
Contou Xesús Domínguez, voceiro da plataforma de Compostela, que o xefe do Goberno galego "debe velar polos intereses dos galegos para que ese aforro sexa devolto e que sexan as entidades bancarias as que paguen".
Insistíu en que o PP, á fronte dos Executivos galego e español, "está a lexislar en contra dos cidadáns para rescatar a banca e os estafadores", dando lugar a unha situación "realmente lamentábel".
Hai máis de 60.000 persoas que non recuperaron aínda o seu diñeiro, polo que o calote "dista moito de estar solucionado".
O vindeiro día 15 de xuño Madrid comunicaralles as quitas, facendo oficial que non se lles devolverán entre o 60 e o 75% dos aforros investidos nas preferentes.
"Na práctica, os afectados serán os que paguen o rescate", enfatizou Xesús Domínguez. Por iso, a mobilización de hoxe avecíñase masiva. As vítimas deste calote non entenden aínda como, se "todo o mundo" recoñece que "hai unha estafa masiva" non hai aínda ninguén sinalado como responsábel e "no cárcere".