Actualmente, existen tres FP Dual de Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) na Galiza impartidos nas universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Ourense.
Segundo unha resolución do ámbito de Política Social publicada no mes de setembro, o alumnado da FP Dual faría prácticas remuneradas en residencias cun convenio con DomusVi, que xestiona a maior rede de residencias de persoas maiores do Estado español, a partir de marzo. Porén, o mes xa está rematando e as estudantes da FP Dual aínda non comezaron o seu período de prácticas.
Tras unha reunión coa coordinadora de DomusVi, preténdese que o alumnado comece as súas prácticas a partir do 12 de abril, data que aínda non se confirmou e que parece, segundo as persoas afectadas, algo optimista.
Esta situación está a suceder nas tres FP Dual de TCAE galegas e nalgunhas FP da área sociosanitaria; en total o número de persoas prexudicadas son arredor de 60, dado que cada FP Dual conta cun grupo de 12 estudantes.
O problema que xorde ante esta situación é que unha gran parte do alumnado contaba con ter xa a remuneración das prácticas. Ademais, como o curso aínda non está rematado, os e as estudantes destas FP seguen a dar clase desde comezos de mes e é posíbel que finalicen os estudos sen ter levado a cabo o seu período de prácticas e residencias.
As persoas afectadas por esta situación afirman que se sinten moi abandonadas e piden que lles dean a posibilidade de realizar as prácticas que se lles prometera nun comezo.