Acusan Feixoo de promover unha "falsa moratoria eólica" que pretende "confundir e desmobilizar"

Rolda de prensa da coordinadora 'Eólica, Así Non', celebrada nesta sexta feira en Compostela (Foto: Y. C.).
Máis de 170 colectivos participarán o vindeiro 11 de decembro das 22 mobilizacións convocadas en diferentes puntos do país contra a "invasión eólica". A coordinadora 'Eólica, Así Non' defende que "outro modelo de renovábeis é posíbel" para que o vento galego "non fique en mans do oligopolio enerxético".

"Están a roubar a terra, que precisamos para producir. Será a extinción do rural galego". Con estas palabras deu nesta sexta feira a voz de alarma a coordinadora 'Eólica, Así Non', apoiada por 172 organizacións ecoloxistas, políticas e sociais de todo o país que rexeitan o actual modelo de desenvolvemento das enerxías renovábeis e urxen unha "reformulación total" do mesmo.

Tras o éxito da manifestación na que milleiros de persoas percorreron as rúas de Compostela o pasado 5 de xuño, o tecido asociativo galego convoca 22 mobilizacións simultáneas en diferentes puntos do territorio para o sábado 11 de decembro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Montañas. 'Eólica, Así Non' chama á mobilización en Antas de Ulla, Becerreá, Bembibre, Bueu, Carral, Castro Caldelas, Cerdedo, Chantada, Coristanco, Ferrol, Folgoso do Courel, Foz, Gondomar, A Lama, Laza, Lugo, Marín, Mazaricos, Meira, Pontevedra, Vila de Cruces e Vilalba.

"Os ecosistemas montañosos vense especialmente afectados por esta invasión eólica, e son fundamentais para a nosa vida xa que deles emanan fontes de auga e de alimento esenciais para o noso desenvolvemento como sociedade", salientou a vogal de Comunicación da Aasociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), Belén Rodríguez.

Neste senso, lembrou que aos 209 parques eólicos xa operativos ou con autorización definitiva na Galiza cumpriría engadir os arredor de 300 que se atopan en diferentes fases de tramitación e que, de saíren adiante, elevarían a cifra ao medio milleiro. "Ocuparían boa parte de cumios, cordilleiras e outros espazos de gran relevancia natural e ambiental, e onde vive boa parte da nosa poboación rural, a máis esquecida e asoballada por estes proxectos. Son tantos que non somos capaces de alegar contra todos eles", dixo.

A "falsa moratoria" da Xunta

Paulo Carril, secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), cualificou de "falsa" a moratoria eólica anunciada en outubro pola Xunta, que só afectará os parques que inicien os trámites a partir de xaneiro de 2022. "Pretende confundir e desmobilizar, e igual que aconteceu coa falsa moratoria do eucalipto, incentivará as promotoras a presentaren os seus proxectos axiña, antes de que remate o ano", criticou.

A moratoria, defendeu o líder sindical, debe ser "inmediata" e ten que paralizar tamén "os proxectos en trámite", a fin de traballar na "reformulación e mudanza radical do modelo enerxético" para que este "se fundamente no aforro, o autoconsumo, a soberanía enerxética e a xestión pública destes recursos ao servizo da sociedade galega". "O vento non pode ficar en mans do capital e os oligopolios eléctricos", engadiu Carril.

Cómpre salientar, así mesmo, que a moratoria do Goberno galego exceptúa "aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta".

En representación do Sindicato Labrego Galego (SLG) interveu Margarida Prieto, quen salientou que as explotacións agrogandeiras galegas teñen "un importante problema de acceso á terra, cunha das medias máis baixas de superficie agraria útil do Estado". "Vannos roubar o monte, desertizalo e botar a xente do rural. A transición ecolóxica non pode producirse á custa de destruír os nosos bosques e convertelos nun espazo industrial. Non podemos permitir que se aprobe nin un só proxecto, por iso estaremos o 11 de decembro en todas as comarcas", sentenciou.

Tamén Manuel da Cal, coordinador xeral da Federación Rural Galega (Fruga), incidiu nesta cuestión: "Todos estes proxectos de macroeólicos forman parte dun plan perfectamente deseñado pola Xunta, no sentido de esquilmar cada vez máis o rural, crear condicións negativas para vivir aquí, prezos baixos dos produtos... E a isto engádese a invasión eólica, que expulsará as e os labregos do seu territorio".

O presidente da asociación de consumidores Acouga, Manuel Pérez, puxo o foco en que o actual modelo eólico "aféctanos a todos como usuarios", e destacou as "afeccións sobre a saúde humana" que provocan os muíños situados a escasos metros das vivendas.

Aliás, Branca Villares, representante da veciñanza organizada de Guitiriz contra os parques eólicos promovidos no municipio, advertiu que "a vida nas aldeas sería case imposíbel porque minguaría a produción láctea das vacas, e a xente non podería ter unha vida digna convivindo con muíños de 200 metros de altura ao carón das vivendas".

"Vivo nunha reserva da biosfera [Terras do Miño], e como consecuencia destes proxectos eólicos non só perderiamos os nosos acuíferos, senón que afectarían tamén numerosas especies protexidas. Somos unha das maiores reservas do Estado... Ímola dedicar aos muíños?", cuestionou.

Campaña de 'crowdfunding'

Noutra orde, a Asociación Rural Contemporánea e o colectivo veciñal Monfero di Non veñen de iniciar unha campaña de crowdfunding para sufragar a iniciativa GISimpactoGL, a través da cal estas organizacións pretenden elaborar mapas en 3D de todos os parques eólicos proxectados no Estado ofrecendo "todos os datos relacionados co patrimonio ambiental, cultural, demográfico, social, agropecuario e de turismo da Galiza".

Congreso da eólica mariña en Ferrol

A patronal galega do metal, Asime, xunto a Windar Renovábeis, Navantia e a Xunta, organiza os días 30 de novembro e 1 de decembro o V Congreso da Eólica Mariña, un evento que porá o foco nas "enormes capacidades" da Galiza para impulsar esta industria. Con todo, cómpre lembrar o rexeitamento rotundo do sector pesqueiro á instalación de muíños nas costas galegas pola afección directa sobre os caladoiros. Recentemente, confrarías galegas, asturianas e cántabras asinaron un manifesto conxunto contra a eólica mariña no mar Cantábrico.