“Eólica, Así Non” convoca actos contra a "invasión eólica" o 11 de decembro en varios puntos da Galiza

Manifestación contra a desfeita eólica en Compostela. (Foto: Laura Barcala)

Con motivo do Día mundial das Montañas, o sábado, 11 de decembro, a Coordinadora “Eólica, Así Non” apoiada en máis de 170 colectivos de toda a Galiza convoca a sociedade galega a unha “nova grande mobilización” fronte a actual “invasión” eólica baixo o lema “Na defensa das montañas. Eólica Así Non”.

A Coordinadora “Eólica Así Non” retoma as protestas após a mobilización masiva que concluíu o 5 de xuño na praza do Obradoiro de Compostela. Farao o 11 de decembro, en varios puntos da Galiza, para “facer fincapé na necesidade cada vez máis urxente de paralizar todos os proxectos eólicos que están en tramitación, tanto na Xunta como no Estado, até que non se derroguen o desfasado Plan sectorial eólico da Galiza e as Leis de depredación”, advirten nun comunicado de prensa.

Reclaman, tamén, o deseño, dunha planificación eólica “máis xusta coa sociedade galega, o noso rural e a contorna ambiental”, pois entenden que “estamos deixando en mans do oligopolio eléctrico o futuro do noso territorio”.

Cifran en máis 300 os "megaproxectos eólicos" que están en tramitación, e que en total proxectan 10.000 MW de potencia, o que equivalería ao 43% do obxectivo en potencia eólica para 2030 en todo o Estado español. "Lembramos ademais, que Galiza exporta máis do 30% da electricidade que produce", salientan.

Unha moratoria "falsa"

Por outra banda, advirten de que a “mal chamada moratoria eólica” da Xunta da Galiza “non dá resposta a ningunha das nosas reclamacións”. “Pola contra, promove a confusión na opinión pública e pretende desmobilizar a sociedade crítica coa actual invasión eólica”.

A medida, que cualifican de “falsa” e de “inefectiva”, “só afectaría os proxectos que inicien a súa tramitación no ano 2022 (e con excepcións), pero non tería eficacia sobre ningún dos máis de 300 proxectos eólicos que xa están en tramitación”.

Ademais, alertan de que pode acontecer o mesmo que coa moratoria do eucalipto, “a falsa moratoria eólica do PP podería estar provocando un efecto chamada, e animando as promotoras a iniciar a tramitación dun maior número de proxectos antes de que remate o ano”.

22 actos programados

Neste contexto, a plataforma, que se pronuncia a favor das enerxías renovábeis, mais que é contraria ao actual modelo enerxético e á forma na que se está a concibir a implantación da enerxía eólica, convoca con motivo do Día das Montañas o 11 de decembro unha “mobilización descentralizada por áreas xeográficas especialmente afectadas pola actual vaga eólica”.

Desta maneira, daráselle visibilidade ás plataformas e colectivos da veciñanza que viven nos territorios máis directamente afectados “por esta enxurrada incesante de proxectos eólicos”.

Realizaranse concentracións e outros actos como mínimo en: Bembibre-Val do Dubra, Carral, Coristanco, Ferrol, Mazaricos, Antas de Ulla, Becerreá, Chantada, O Courel, Foz, Lugo, Meira, Vilalba, A Lama, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Gondomar, Marín, Pontevedra, Vila de Cruces, Castro Caldelas e Laza.