A xustiza avala a decisión da USC de anular a matrícula dun mozo que se inscribiu na carreira "con notas falsificadas"

Escola universitaria de Enfermaría da USC, en Lugo (Foto: Google Maps).
O demandante, que non admite nin que falsease as súas cualificacións nin que cometese un erro, accedeu ao Grao en Enfermaría da USC en Lugo cunha nota de 11,388, ao estar lixeiramente por encima da de corte, mais a universidade asegura que esa non foi a nota que realmente sacou no selectivo.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galicia (TSXG) avalou que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) anulase a matrícula dun estudante de Úbeda (Xaén) despois de que, ao realizar a preinscrición, introducise unha nota de selectividade máis alta da que tiña realmente.

A pesar de que na sentenza, emitida o pasado 4 de outubro, non consta acreditado que o estudante falsease as notas, si é certo que a cualificación introducida no sistema 'Nerta' (11,388), e pola que nun principio logrou entrar no Grao en Enfermaría do Campus de Lugo, non se corresponde coa real (9,372).

O TSXG confirmou así unha sentenza previa do Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago, que anulaba a matrícula e desestimaba unha indemnización que solicitaba o mozo e que ascendía a máis de 35.000 euros, ao sumar danos morais, os desprazamentos até Compostela e o soldo dun enfermeiro nun ano (uns 28.600 euros).

O caso

O caso remóntase ao curso 2021/22, cando este estudante se someteu á ABAU e obtivo unha nota de 9,372, ao sumar 7,274 da fase xeral e outros 2,098 puntos pola específica. O alumno solicitou praza en varias universidades, entre elas a compostelá.

Ao non realizar a selectividade na Galiza, no momento da preinscrición na plataforma 'Nerta' as notas non se pasan de maneira automática, senón que é o propio aspirante o que debe encher manualmente as notas obtidas -é unha declaración responsábel, tal e como lembra o TSXG na súa sentenza- e, posteriormente, a universidade en cuestión comproba que todo estea correcto.

Sexa como for -o demandante non admite nin que falsease as súas cualificacións nin que cometese un erro-, este mozo accedeu ao Grao en Enfermaría da USC en Lugo cunha nota de 11,388, ao estar lixeiramente por encima da de corte. Así, formalizou a súa matrícula o 26 de xullo de 2021.

Con todo, o 26 de outubro dese mesmo ano, o Reitorado da Universidade de Santiago notificoulle o proceso para a anulación da matrícula. Un mes máis tarde, o 26 de novembro, emitiu unha resolución neste mesmo sentido.

Esgotada a vía administrativa, o alumno acudiu aos tribunais para que se lle readmitise e se lle indemnizase por máis de 35.200 euros. Con todo, foi desestimado en primeira instancia. O mozo recorreu esta sentenza insistindo en que "en ningún momento falseou as súas cualificacións" e en que el gravou ben a súa nota.

Agora, o TSXG confirmou a decisión do xulgado de Santiago porque "non achega documento algún que acredite" que as cualificacións que el puxo en 'Nerta' sexan diferentes que as que aparecen no expediente administrativo e que provocaron que fose admitido na carreira.

O alto tribunal galego non entra a valorar se se falsearon ou non as notas, pero si recalca que "existe unha clara discrepancia" entre os números rexistrados e as cualificacións reais.

"Das notas que realmente ten o recorrente, constátase claramente que non alcanza a puntuación necesaria para o Grao de Enfermaría en Lugo. O recorrente ten a obriga de coñecer as súas notas e de introducilas correctamente no sistema", resolve o TSXG.

Por tanto, o TSXG desestima o seu recurso e confirma a non admisión deste mozo de Úbeda, que ademais deberá pagar as costas do proceso até 1.000 euros.