O Instituto Galego de Estatística (IGE) comeza esta sexta feira, día 10 de abril, o proceso de recollida de información en máis de 9.200 vivendas para a próxima edición anual da súa Enquisa Estrutural a Fogares, que finalizará no mes de xuño e cuxos resultados estarán listos en decembro.
Esta enquisa, de carácter oficial, está incluída na Lei do Plan galego de estatística 2022-2026 e realízase desde o ano 1999.
O seu obxectivo é o estudo das características socioeconómicas e as condicións de vida dos fogares galegos, segundo explica o IGE.
O traballo de campo consistirá na recollida de información sobre unha mostra aleatoria de máis de 9.200 fogares repartidos por todo o país.
Preguntas
As persoas entrevistadas terán que responder a preguntas relativas á idade, o nivel de estudos, a situación laboral, os seus ingresos ou os seus gastos.
Ademais, este ano incluiranse cuestións de dous módulos específicos, un sobre dependencia e outro sobre o coñecemento e o uso do galego.
As vivendas seleccionadas recibirán unha carta na cal se lle comunicará ás persoas interesadas a obrigación que teñen de facilitar os datos, tal como estabelece a lexislación. Todas as respostas son confidenciais.