Aproximadamente unha de cada dez vivendas rexistradas na Galiza están en réxime de aluguer. Son, en concreto, 136.543 fogares, segundo a Enquisa de Características Esenciais da Poboación e Vivendas, que o Instituto Nacional de Estatística (INE) actualizou nesta cuarta feira cos datos máis recentes dispoñíbeis, correspondentes á anualidade de 2021.
As casas e pisos alugados representan 12,4% do total do país (1.100.477). No conxunto do Estado español a porcentaxe de vivendas en aluger sobre a cifra xeral é lixeiramente superior: 15,9%.
Da mesma enquisa extráese que a inmensa maioría das vivendas en réxime de aluguer (100.634) teñen unha cota mensual que vai desde os 200 até os 500 euros, mentres que en 10.327 son inferiores a 200 euros; en 21.500, entre 500 e 700 euros; en 2.388, entre 700 e 1.000 euros, e en 1.693, superiores a 1.000 euros.
Sobre o total de vivendas da Galiza, máis de medio millón foron adquiridas en operacións de compravenda, das cales 371.949 (33,8% do total de vivendas) están xa pagadas na súa totalidade e outras 197.687 (17,9%) teñen aínda cotas pendentes da hipoteca por abonar.
No que atinxe a ese perto de 18% de casas e pisos comprados con contas pendentes da hipoteca, estas móvense en cifras moi semellantes ás do aluguer. No caso de 16.801 fogares, a contía non chega aos 200 euros; en 133.261, vai de 200 a 500 euros; en 28.763, de 500 a 700; en 8.8875, de 700 a 1.000 euros, e en 9.987, supera os 1.000 euros.
Segundo datos recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) o gasto medio mensual do fogar en hipoteca da vivenda principal en 2021 (último ano do que se dispón a serie de datos completa) foi de 404,39 euros. Este dato supón case 40 euros menos do gasto medio de 2011: 442,31 euros.
En comparación tamén co ano 2011, o número de hipotecas activas en 2021 foi igualmente menor: 36.399 fronte a 20.934.
A Cámara urxe executar os fondos de vivenda
O pleno do Parlamento da Galiza aprobou por unanimidade esta cuarta feira unha proposición non de Lei presentada polo PSdeG para reclamarlle á Xunta da Galiza que execute todos os fondos dispoñíbeis para vivenda de promoción pública, sinaladamente en réxime de aluguer, dos cales só se executou 3,4% do total.
A iniciativa aprobouse nun momento no que os prezos dos alugueres nas sete grandes cidades galegas aumentou 35% desde 2015, con máis de 15.000 demandantes de vivenda de promoción pública (o triplo das ofertadas pola Xunta).