Arredor de 65% de pacientes en diálise na Galiza ten que desprazarse fóra da súa localidade de residencia para recibir tratamento, segundo un estudo realizado por Alcer (Asociación para a Loita Contra as enfermidades Renais) en catro comunidades (a Galiza, Aragón, Castela-A Mancha e no País Valencià).
Segundo explican nun comunicado, a Galiza é a que ten maior dispersión xeográfica de entre as analizadas, con máis de 65% (65,66%) de pacientes que se teñen que desprazar a outra localidade para recibir o tratamento de hemodiálise ou de ser atendidos no seu hospital de referencia (67,34%), o que implica que tiveron o mesmo problema cando estiveron en pre-diálise.
A nivel xeral, o estudo revela que máis da metade das persoas en diálise teñen que desprazarse fóra da súa localidade para recibir tratamento. O estudo realizouse sobre unha mostra de 5.740 pacientes residentes nestas catro comunidades.
En concreto, e segundo este estudo, 50% das persoas en hemodiálise teñen o seu hospital de referencia nunha localidade distinta á de residencia, e 55% destas persoas dialízanse nun centro fóra da localidade na que residen habitualmente.
Impacto en persoas maiores
Os datos levan á asociación a pedir ás Administracións sanitarias "medidas para corrixir este fenómeno de dispersión xeográfica, que dificulta o acceso aos tratamentos e prexudica a calidade de vida das persoas que viven con Enfermidade Renal Crónica (ERC)", cun especial impacto sobre as persoas maiores e a aquelas que viven no medio rural.