A través da plataforma dixital Change.org creouse unha acción para sumar sinaturas coas que instar ao Concello da Coruña a mudar o nome da avenida de Buenos Aires por Samuel Luiz, pois foi onde o rapaz foi atacado por un grupo de persoas nun posíbel crime homófobo (aínda que non se descartou ningunha das motivacións para o asasinato).
Na petición destacan que a malleira mortal levou a numerosas concentracións por todo o Estado español para “reclamar xustiza e reivindicar unha maior protección para o colectivo LGTBI+”.
“Para asegurar o respecto, honrar a memoria e apoiar institucionalmente o legado social da vítima” é para o que se están a recoller as rúbricas.
No momento de escribir esta nova os apoios para que Samuel estea no “rueiro para sempre” abeiran os 47.000.
Tamén como lembranza á vítima este domingo ás 19.30 horas decorrerá unha manifestación entre a praza da Palloza e a praza de María Pita, na Coruña. O lema da iniciativa, convocada por varias agrupacións do colectivo LGTBQI+, tamén é “contra o odio e la indiferenza”.
Datos sobre o falecemento
Por outra parte, veñen de filtrarse os nomes dalgúns dos presuntos autores do asasinato. Ademais, algúns xornais adiantaron que os informes falan de que Samuel recibiu patadas e labazadas, pero tamén se investiga se lle deron con obxectos contundentes.
Por outra parte, dise que cando foi trasladado ao hospital, estivo a agonizar durante máis de catro horas até que decorreu o pasamento.