Yolanda Díaz escolle 'Sumar' como nome para o seu proxecto político

Pasado o 19 de xuño, Yolanda Díaz comezará unha quenda de encontros e xuntanzas por todo o Estado español, con representantes dos principais sectores económicos, sociais e culturais.
A vicepresidenta Yolanda Díaz. (Foto Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta Yolanda Díaz. (Foto Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, xa escolleu o nome do proxecto político co que pretende presentarse ás vindeiras eleccións xerais do Estado español: 'Sumar'.

Díaz xa presentou a solicitude de rexistro da marca ante o Ministerio de Interior, e agora está á espera de que se formalice a inscrición do nome.

Segundo fontes consultadas por varios medios, 'Sumar' non será, de momento, un partido político nin unha plataforma, senón que servirá de ferramenta legal para que a vicepresidenta leve a cabo o "proceso de escoita" do que vén a falar nos últimos meses.

Ese período, que terá unha duración aproximada de 6 meses, non comezará até despois de que teñan lugar os comicios en Andalucía, o vindeiro 19 de xuño.

"Ensanchar a democracia"

Preguntada pola escolla de 'Sumar' como nome do proxecto, Díaz dixo sentirse "cómoda" nun verbo que "ensancha a democracia, os dereitos fundamentais, que ensancha o ecoloxismo, que ensancha o feminismo...".

Porén, a ministra de Traballo matizou que aínda non está claro que ese sexa o nome final da marca coa que concorrerá ás eleccións xerais, no caso de facelo.

Pasado o 19 de xuño, Yolanda Díaz comezará unha quenda de encontros e xuntanzas por todo o Estado español, con representantes dos principais sectores económicos, sociais e culturais.

Comentarios