Yolanda Díaz reúnese con Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, para quen só ten "cariño e agradecemento"

"Precisamos de todas as mans, todos os corazóns e toda a intelixencia, polo que non vou ter trabas para contar con todo o mundo", dixo a vicepresidenta segunda do Goberno estatal sobre a plataforma política que está a artellar no espazo "á esquerda do PSOE".
A vicepresidenta Yolanda Díaz. (Foto Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera A vicepresidenta Yolanda Díaz, esta cuarta feira, na Facultade de Ciencias Políticas da USC. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A vicepresidenta segunda do Goberno estatal e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, impartiu esta cuarta feira unha conferencia na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na que mencionou as políticas aprobadas polo seu departamento en materia laboral, nomeadamente no que atinxe ás persoas novas.

En declaracións á Radio Galega confirmou que comezará "cedo" o seu "proceso de escoita" para conformar a súa nova plataforma política, un proxecto para o que contará cos ex alcaldes de Compostela, Martiño Noriega (Compostela Aberta), e A Coruña, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), con quen sen reuniu aproveitando a súa visita á Galiza.

"Estou acompañada por moita xente á que respecto e quero. Onte [pola terza feira] ceei con Martiño [Noriega], con Xulio [Ferreiro], con Marta Lois [portavoz de Compostela Aberta] e outros amigos, e para eles non teño máis que cariño e agradecemento", dixo.

Díaz reivindicou que o "cambio político" emerxeu no Estado español desde a Galiza, a través da formación política Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), que liderou xunto a Xosé Manuel Beiras entre 2012 e 2016, até que obtivo unha acta de deputada no Congreso nas listaxes de En Marea.

"Precisamos de todas as mans, todos os corazóns e toda a intelixencia, polo que non vou ter trabas para contar con todo o mundo", apuntou a vicepresidenta.

A respecto do seu liderado nese novo proxecto político que pretende atraer o electorado "á esquerda do PSOE", Díaz afirmou que será unha decisión "da xente", no caso de que finalmente dea o paso e ofreza liderar o espazo.

Yolanda Díaz evitou confirmar se Podemos participará desa plataforma, ao tempo que subliñou: "O que ten que saber a cidadanía, cando se faga neste proceso, é que vai decidir a propia cidadanía. A min non me elixe ninguén, son libre. Agradezo o recoñecemento de todas as persoas, mais vou decidir con absoluta liberdade e, por suposto, se dese un paso adiante, sería sometida a un proceso de escrutinio democrático, como faría con todo o mundo".

Por outra parte, afirmou que "sen lugar a dúbidas" haberá candidaturas na Galiza do espazo que xurda do proceso que se vai abrir. "Non se pode construír un proxecto político para España sen Galiza", enfatizou.

Comentarios