A Xunta suma dous novos parques eólicos "ambientalmente viábeis", e van cinco en decembro

O Goberno galego declarou a viabilidade ambiental de cinco proxectos eólicos no que vai de semana, a instalar en dez comarcas da Galiza.
656 megawatts teñen luz verde por parte do Goberno español (Foto: Europa Press).
photo_camera A Xunta declarou ambientalmente viábeis oito parques eólicos, cinco noq ue vai de decemebro. (Foto: Europa Press).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta da Galiza publicou esta cuarta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) a aprobación da declaración de impacto ambiental (DIA) de dous novos parques eólicos.

Situados entre os concellos de Agolada (Pontevedra) e Antes de Ulla (Lugo), o primeiro, e entre Mazaricos, Negreira e Outes (A Coruña), o segundo, suporán un investimento total de máis de 67 millóns de euros, con 17 aeroxeradores e 67 megawatts (MW) de potencia instalada.

Parque eólico Estivada

En concreto, o parque eólico Estivada, promovido por Green Capital Power, estará situado en Agolada e Antas de Ulla, no Deza e A Ulloa, e contará con oito muíños e un total de 36 MW de potencia instalada; un proxecto no que a empresa ten previsto investir máis de 28 millóns de euros.

A Xunta considerou "viábel" desde un punto de vista ambiental a iniciativa, sempre que cumpra cunha serie de condicións estabelecidas na resolución, que teñen que ver coa protección da atmosfera, das augas e os ríos, do chan ou da xestión de residuos, entre outras.

Parque eólico Banzas

Na mesma situación atópase o parque eólico Banzas, promovido tamén por Green Capital Power entre Mazaricos, Negreira e Outes, nas comarcas de Xallas, A Barcala e Noia.

Esta infraestrutura contará cun investimento de máis de 39,6 millóns de euros para instalar nove aeroxeradores cunha potencia total de 31,1 MW.

A Consellería tamén considera viábel o proxecto desde o punto de vista ambiental, sempre que cumpra con certas características.

Cinco declaracións aprobadas en dous días

Estas dúas novas aprobacións chegan despois de que a pasada segunda feira tamén a Xunta dese o visto e prace ás declaracións de impacto ambiental doutros tres parques eólicos situados nos concellos de Aranga e Oza-Cesuras, O Irixo e Lalín e Laza e Vilar de Barrio.

No mes de novembro, foron oito as DIA aprobadas polo Goberno galego a petición de eólicas privadas para a instalacións de máis aeroxeradores.

 

 

Comentarios